ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA trata coa rapazada as ameazas ambientais na...

13-04-2023

Continúa o Proxecto Fluviatilis

ADEGA trata coa rapazada as ameazas ambientais na conca do Tea da man de Fluviatilis

Neste mes de abril ADEGA instalará no IES de Salvaterra e CIFP A Granxa a exposición sobre especies exóticas invasoras, onde tamén realizará visitas guiadas e saídas ao río.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, continúa coas actividades enmarcadas no Proxecto Fluviatilis, que ten como obxectivo dar a coñecer os problemas ambientais que ameazan os ecosistemas fluviais, así como promover actitudes e comportamentos que redunden nunha mellora dos ríos.

Durante este mes de abril, ADEGA levará a cabo dúas novas instalacións para a exposición sobre especies exóticas invasoras 'Unha invasión silenciosa. A biodiversidade baixo ameaza', que irá acompañada de visitas guiadas. Así, a exposición vén de instalarse este xoves, 13 de abril, no IES de Salvaterra e posteriormente será levada ao CIFP A Granxa o 19 de abril.

Visita guiada e saída ao río

Na exposición e na visita guiada daranse a coñecer os problemas que as especies exóticas invasoras supoñen para os ecosistemas fluviais, con especial atención aos impactos desde o punto de vista ambiental pero tamén económico e para a saúde humana. Así mesmo, sinalaranse exemplos das problemáticas tratadas, tanto desde o ámbito do territorio peninsular como do territorio galego, e daranse a coñecer as principais especies exóticas invasoras presentes nos ríos de Galiza.

ADEGA tamén organizará unha saída ao río xunto co alumnado dos centros para coñecer de primeira man esta problemática e identificar as especies invasoras presentes no río Tea. Así mesmo, realizarase unha análise da calidade do ecosistema fluvial a través de indicadores biolóxicos como os macroinvertebrados.

As actividades de educación, sensibilización e educación ambiental dirixidas a diferentes públicos, incluídos os centros educativos, son unha das propostas do proxecto Fluviatilis, que conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal