ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Empresa madrileña promove a primeira macroplanta...

16-03-2023

Empresa madrileña promove a primeira macroplanta solar en Galiza e ameaza a unha das 6 parellas de aguia real

A planta solar fotovoltaica "A Gudiña" de 66 MW e 110 hectáreas de superficie e promovida pola empresa madrileña "Amber Solar Power 29" sitúase a menos de 3 km do niño dunha das únicas 6 parellas de aguia real (Aquila chrysaetos) que temos en Galiza, catalogada como "en perigo de extinción" segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

Recentemente diversas entidades ecoloxistas e naturalistas galegas (ADEGA, SGO, SGHN e Hábitat) denunciabamos que a aguia real, que en Galiza mantén unha pequena poboación (unhas 6 parellas reprodutoras) nos lugares menos humanizados da montaña de Ourense e Lugo, é unha das especies máis afectadas pola masiva implantación de polígonos eólicos e infraestruturas asociadas nos seus lugares de reprodución e campeo, imprescindíbeis para asegurar a recuperación e a viabilidade da especie.

Agora, por se non tiveramos pouco cos parques eólicos, un proxecto de macroplanta solar e liña de evacuación pretende ocupar 110 hectáreas no concello da Gudiña, dentro da área de campeo dunha destas 6 únicas parellas nidificantes de aguia real que temos en Galiza, e coas torretas eléctricas a menos de 3 km do niño.

Novamente comprobamos que voltan a repetirse os erros acontecidos co desenvolvemento eólico: unha implantación desordenada e claramente especulativa que non só fosiliza centos de hectáreas de hábitats naturais senón que tamén ameaza a unha das especies máis sobranceiras do patrimonio natural galego.
Dende ADEGA preguntámonos como é que se fomenta e a quen beneficia este modelo baseado na implantación de macroproxectos industriais (agora fotovoltaicos) nun país inzxado de parques eólicos, en troques de promover o autoconsumo e a produción solar a pequena escala: en polígonos industriais, edificios públicos, estadios...

Créditos foto aguia real: Juan Lacruz [CC BY 3.0 (https://creativecommons.org/licenses/by/3.0)

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal