ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA Lanza a campaña "Salvemos o pulmón verde de...

02-03-2023

ADEGA Lanza a campaña "Salvemos o pulmón verde de Lugo" en contra da Rolda Leste

En resposta ao anuncio do proxecto da Rolda Leste, a Asociación Ecoloxista ADEGA lanza a campaña Salvemos o Pulmón Verde de Lugo coa que se pretende denunciar e dar a coñecer á veciñanza os graves impactos que esta infraestrutura, que consideramos innecesaria, vai producir sobre o val do río Rato. A través desta campaña tamén se pretende poñer en valor os servizos ecolóxicos e sociais que esta zona achega á cidade.

A construción da Rolda Leste suporá a destrución de case dúas hectáreas de arborado autóctono, recluirá os núcleos de poboación de Bosende e Barbaín entre dúas autoestradas (a A6 e a Rolda Leste) e destruirá unha zona de alto valor paisaxístico da que fan uso multitude de persoas, tal e como se recoñece no Plan de Mobilidade do Eixo Atlántico de 2021.

Despois de dezaoito anos, a Xunta pretende sacar adiante unha infraestrutura que foi concibida inicialmente no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo (PXOM), un planeamento deseñado para 300.000 habitantes, no que se estimaba que a poboación en Lugo para o ano 2020 sería de 115.590 habitantes, é dicir, unha poboación equivalente á suma das poboacións dos municipios de Lugo e Monforte.

O censo de poboación en Lugo leva anos estancado sen acadar os 100.000 habitantes, e as previsións non son de crecemento, senón que se agarda que tanto o Concello de Lugo como a provincia perdan habitantes nos seguintes anos.

Do mesmo xeito, non se prevé que o parque móbil de Lugo aumente no futuro. En primeiro lugar debido ao fin da era do petróleo e dos automóbiles de combustión, e á imposibilidade de relevalos por outras tecnoloxías de carácter renovábel. E en segundo lugar, polo incremento da mobilidade sustentábel. Os altos gastos que carrexa o vehículo privado fan que as novas xeracións utilicen menos o coche, como se pode observar no continuado descenso de mozos e mozas que sacan o  carné de conducir. 


Unha infraestrutura innecesaria cun impacto ambiental significativo

O trazado que se pretende con esta infraestrutura xa conta cunha alternativa, que é o Paseo do Rato. Os últimos datos de tránsito medidos pola Deputación de Lugo do ano 2016, indicaban un aforo para a vía de 3.519 vehículos por día. É curioso que os datos sobre os que se pretende xustificar a construción da Rolda Leste aumenten esa cifra ata os 7.000 vehículos por día. Porén, é doado de comprobar por calquera que se achegue ao Rato que o tráfico é sempre fluído.

O máis sustentábel é aproveitar as infraestruturas que xa existen, e en todo caso que parte do orzamento de 20M€ se utilice para o seu mantemento e mellora. Os investimentos que se fagan con cartos públicos teñen que dirixirse a mellorar a calidade de vida da cidadanía e non que estean motivados por intereses alleos ao xeral.

Esta vía tampouco vai mellorar a mobilidade dentro da zona urbana de Lugo. Segundo se recollía plan de mobilidade de 2009, desde aquela gardado nun caixón, os problemas de mobilidade existentes na cidade, terían que solucionarse en orixe, equilibrados, e con solucións que non precisen consumir aínda máis solo.

Desde ADEGA entendemos que en ningún caso está xustificada construción desta nova infraestrutura, por canto, destrúe un dos espazos naturais da cidade máis importantes, duplícase con outras infraestruturas de comunicación existentes, e non se prevé un aumento do tráfico rodado no concello de Lugo para os próximos anos.

Ademais, esta nova autoestrada iría en contra das actuais políticas de mobilidade sustentábel, xa que outorga maior espazo ao transporte privado, limita a mobilidade dos peóns, e priva á cidade dun dos espazos naturais máis relevantes e que máis servizos ecolóxicos e sociais aporta á poboación, indo, incluso, en contra das premisas establecidas no Plan de Acción Lugo Cidade Verde, na axenda 2030.



Salvemos o pulmón verde de Lugo. Non a rolda Leste

No mes de marzo ADEGA ten previstas diferentes actividades divulgativas e de mobilización na defensa da zona afectada. Impartiranse diferentes charlas sobre o valor ambiental e social do val do Rato, e promoverase o debate político sobre esta problemática, no que os distintos grupos políticos municipais exporán os seus argumentos en defensa ou en contra da construción da Rolda Leste.

As actividades que ADEGA desenvolverá no mes de marzo serán abertas ao público en xeral e se invita á poboación de Lugo a participar activamente nelas.

- Sábado 11 de marzo, de 10 a 14h e de 16h a 20h: Descuberta de biodiversidade. Actividade guiada polo biólogo Cosme Damián Romai Cousido, para coñecer a flora e a fauna existentes. Realizaranse dúas quendas, unha de mañá e outra de tarde para facer unha identificación da flora e fauna existente na zona afectada. Para participar na actividade é preciso inscribirse chamando ao 982240299 ou escribindo a adegalugo@adega.gal.

- Martes 14 de marzo, ás 19h, no Salón de Actos da UNED-Lugo. Mesa redonda titulada “O Pulmón verde de Lugo” Participan nesta mesa o biólogo Cosme Damián Romai Cousido; Julián Alonso, presidente da Asociación SM. Lucus, Manuel Arzúa, asociación Morcegos de Galicia, e Belén Feijóo veciña de Bosende.

- Martes 28 de marzo, ás 19h, Salón de Actos da UNED-Lugo “A rolda leste levada a debate”. Coa participación de Rubén Arroxo polo BNG, Juan Vidal-Pardo por Ciudadanos, unha representante do PSOE, e queda por confirmar a participación do Partido Popular.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal