Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Fin de semana de recuperación de espazos...
13-02-2023
Este fin de semana celebráronse diferentes actuacións en terreos custodiados por diferentes entidades pertencentes a Cousa de Raíces. A custodia do territorio é un conxunto de estratexias que pretenden implicar propietarios e usuarios do terreo na conservación e no bo uso dos valores e os recursos naturais, culturais e paisaxísticos. En total participaron unhas 70 persoas voluntarias en cinco proxectos diferentes. As labouras consistiron fundamentalmente en eliminación de especies invasoras e/ou plantación de arbores autóctonas.
Na plantación das árbores autóctonas temos que agradecer a colaboración do CFEA de Lourizán (Pontevedra) que nos doaron máis de cincocentas árbores e arbustos elaboradas no viveiro polo alumnado, esta planta servirá para rexenerar estes espazos.
As actuacións desta fin de semana foron:
- Friol: Plantación de árbores autóctonas nunha finca custodiada por ADEGA. Nesta finca creouse unha sebe natural para evitar que plantas invasoras como o eucalipto plantadas na contorna invadan este espazo.
- Ames: Eliminación de flora invasora como a Robinia pseudoacacia. Esta finca tamén é unha doazón a ADEGA que se atopa á beira do río Sar.
- Agolada: Plantación de Teixos e plantas arbustivas na Eira da Xoana. Neste proxecto déronlle prioridade a plantas arbustivas con froito como o Ruscus aculeatus ou o Prunus spinoso.
- Comunidade de montes de Coiro: Realización de roteiro de recoñecemento polos propios terreos .
- Couto da Eirexiña: proxecto da comunidade de montes en man común da parroquia de Rebordelo (Cerdedo – Cotobade) Aquí continuaron coa eliminación de eucalipto e plantación de árbores autóctonas. Ligazón ao proxecto
Agradecemos a todas as entidades de custodia do territorio, persoas voluntarias e entidades colaboradoras como o CFEA de Lourizán pola súa implicación na posta en valor de diferentes espazos do noso monte.
Avante coas árbores autóctonas, stop eucaliptos!!
Álbum da xornada
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal