ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA Lugo convoca unha reunión informativa sobre...

30-01-2023

ADEGA Lugo convoca unha reunión informativa sobre o PE Picato e require a actuación do Concello e Deputación de Lugo

Dende a delegación de Lugo da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) queremos amosar a nosa preocupación ante a aprobación e autorización do Parque eólico Picato que se pretende implantar na Serra do Picato a moi pouca distancia da cidade de Lugo. Sentímonos coa responsabilidade de informar á veciñanza dos concellos de Lugo e Guntín sobre as importantes afeccións negativas que está instalación provocará sobre o medio ambiente, o patrimonio cultural, a poboación, e ás actividades produtivas e negocios existentes nestes concellos. É por iso que convocamos o vindeiro mércores 1 de febreiro ás 20.30h a todas as persoas que queiran ampliar información e promover accións contra o citado proxecto a unha reunión no local de ADEGA sito na Ronda das Fontiñas 180, Ent. B, en Lugo. Desta forma damos continuidade á mesa informativa do pasado mércores 25 de xaneiro no auditorio do Vello Cárcere (na imaxe). 

O Concello de Lugo debera ter informado á cidadanía e promovido a participación pública durante a tramitación deste expediente. Ademais, entendemos que tanto o Concello como a Deputación de Lugo deberían velar pola protección e conservación do Camiño de Santiago Primitivo, da Muralla Romana e da Reserva da Biosfera Terras do Miño, e é por iso que dende ADEGA-Lugo solicitamos nos dean información sobre as actuacións e informes emitidos por ambas administracións.

O proxecto eólico e as afeccións

O Parque eólico Picato inclúe, 11 aeroxeradores de 150 metros de altura, un centro de transformación e unha ampla rede viaria, entre outros, que se localizarían integramente sobre Zona Tampón da Reserva da Biosfera. O Plan de Xestión da Reserva da Biosfera Terras do Miño, indica que nas zonas tampón, tamén chamadas zonas de protección de zonas núcleo, só poden ter lugar actividades compatíbeis cos obxectivos de conservación. A implantación dunha central de produción de enerxía eléctrica mediante aeroxeradores non cumpre co Plan de Xestión nin coa normativa vixente.

As principais afeccións que provocará este proxecto serán as seguintes:

  • Afección directa e irreversible sobre a zona tampón da Reserva da Biosfera Terras do Miño, que non é avaliada no estudo de impacto ambiental.
  • Afección directa da totalidade de aeroxeradores e de parte da liña de alta tensión sobre a avifauna xa que o parque se desenvolve integramente nunha Área prioritaria para a avifauna. Máis concretamente espérase unha afección negativa importante sobre a Tartaraña Cincenta (Cyrcus pygargus), especie catalogada como vulnerable segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas e que segundo os últimos datos debería considerarse en perigo de extinción polo forte descenso das súas poboacións, en grande medida debido a proliferación de centrais eólicas, a eucaliptización e á falta dun plan de conservación (obrigatorio segundo a lexislación) para a especie.
  • Afección directa e irreversible sobre o humidal código 1120032, denominado Ameneiral de Poutomillos, que se encontra recollido no Catálogo de Humidais de Galicia, elaborado polo IBADER. A afección a este humidal será directa e irreversible e afectará as fontes e cabeceiras de regatos que nacen neste humidal e dan orixe a multitude de ríos e regatos que drenan este territorio vertendo as súas augas ao río Miño.
  • Afección directa sobre a paisaxe e sobre o patrimonio cultural da bimilenaria cidade de Lugo. O proxecto será visible desde os dous elementos que forman parte do Patrimonio da Humanidade: O Camiño de Santiago (camiño primitivo) e a Muralla de Lugo.
  • A poligonal do parque eólico está trazada sobre o Camiño Primitivo, e a maioría dos aeroxeneradores están proxectados nunha liña paralela á vía de peregrinación, polo que a súa visión dende o Camiño Primitivo é practicamente constante dende a saída da cidade de Lugo.

Consideramos irregular a tramitación deste proxecto, que non se adapta ao procedemento establecido e que inclúe un estudo ambiental sen o suficiente alcance e con numerosas carencias, que impide que a declaración de impacto ambiental deste proxecto se poida considerar válida.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal