ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / A Coruña acollerá unha xornada sobre limpezas...

18-11-2022

A Coruña acollerá unha xornada sobre limpezas ecolóxicas de praias, no centro Cultural Alexandre Bóveda o venres 25N

Coincidindo coa Semana Europea de prevención de Residuos, o vindeiro venres, 25 de novembro, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) celebrará unha xornada divulgativa titulada “Preservación dos mares a través das limpezas ecolóxicas” na cidade da Coruña, que estará aberta ao público xeral. O encontro, que conta co apoio económico do concello da Coruña, terá como obxectivo principal dar a coñecer con maior profundidade a problemática do lixo mariño en Galiza e a importancia de efectuar limpezas ecolóxicas nos nosos areais. 

Nesta xornada tamén se darán a coñecer diversas experiencias de limpezas ecolóxicas. Alén da ampla traxectoria da asociación ecoloxista ADEGA na organización e coordinación de centos de limpezas ecolóxicas, ano tras ano, en ríos e praias de todo o país, tamén se compartirán os coñecementos adquiridos neste eido por outras entidades ambientalistas que operan na cidade herculina, como o Grupo Naturalista Hábitat ou a iniciativa “marabaixo.gal”. As entidades convidadas a partillar coa sociedade coruñesa a súa experiencia tamén tratarán de responder ás cuestións de “por que?”, “para que?” e “como?” na realización das limpezas ecolóxicas en ecosistemas litorais.

Intervirán nesta xornada divulgativa sobre limpezas ecolóxicas de praias, organizada por ADEGA, as seguintes persoas:

  • Atocha Ramos, membro do GN Habitat: “Unha década recollendo lixo”.
  • Xandro García, director de marabaixo.gal:“Miña nai limpa a praia dende a casa”.
  • Fins Eirexas, xeólogo e secretario técnico de ADEGA: “A problemática do lixo mariño”.
  • Itziar Díaz, educadora ambiental de ADEGA: “Lixo mariño e participación social”.

Logo das intervencións haberá espazo para a reflexión e debate co público asistente.

A xornada "Preservación dos mares a través das limpezas ecolóxicas” terá lugar o sábado, 25 de novembro, no local da Asociación Cultural de Alexandre Bóveda, sito na Rúa Olmos da Coruña, de 17.00h a 20.00h.

Lixo mariño, o maior inimigo dos mares

Os residuos que acaban nos mares e océanos teñen graves consecuencias para a os ecosistemas mariños, pois máis de 1.000.000 de aves mariñas e 100.000 mamíferos e tartarugas morren cada ano enredados ou por inxesta do lixo mariño. E poden afectar de forma directa á saúde humana, xa que moitos destes refugallos conteñen substancias tóxicas, bioacumulativas e persistentes, que entran na cadea alimentaria e chegan ás persoas.

Outra das consecuencias desta problemática ambiental é que xera grandes perdas económicas, ao facer diminuír as poboacións de pesca comercial, ao resultar degradantes de zonas destinadas ás para actividades recreativas e turísticas, ou ao requirir un enorme investimento para manter as praias en condicións ambientais e de uso óptimas.

Para máis información:

Correo electrónico: itziar@adega.gal

Teléfono: 699.217.310

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal