ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ALCOA pide á Xunta poder contaminar máis pola...

17-11-2022

ALCOA pide á Xunta poder contaminar máis pola guerra na Ucraína

A multinacional americana quere voltar a usar fuel para a produción de alúmina ante o elevado prezo do gas e pide á Xunta superar os límites de emisións de contaminantes, particularmente óxidos de xofre e nitróxeno, fixados na última Autorización Ambiental Integrada (AAI).

Logo de que en 2015 a empresa substituira o fuel por gas natural no seu proceso produtivo, particularmente nos fornos de calcinación para a produción de alúmina, agora solicita unha modificación substancial da AAI porque “las tensiones comerciales y regulatorias que existen hoy en el mercado nacional e internacional de gas natural ... con precios en máximos históricos están afectando muy significativamente al coste de la producción de ALÚMINA ESPAÑOLA y provocando pérdidas millonarias”.
Cómpre lembrar que a substitución por parte de ALCOA en 2015 do fuel, un combustíbel moi contaminante polas súas elevadas emisións de óxidos de xofre (SO2) e nitróxeno (NOx) non foi unha concesión da empresa “en su firme compromiso con la sostenibilidad y la búsqueda de la mejora continua” como din na súa solicitude, senón unha obriga imposta pola Directiva 2010/75/UE sobre Emisións Industriais, concretada da Lei 5/2013 e no RD 815/2013 que regulamenta as emisións industriais. Estas normas establecían límites moito máis estritos para a emisión de contaminantes, particularmente óxidos de xofre (SO2) e nitróxeno (NOx), nos procesos industriais de xeración de calor e electricidade con combustíbeis fóseis, polo que tanto ALCOA como moitas outras empresas que queimaban carbón ou fuel, tiveron que paasarse ao gas.

Cartos públicos para "descarbonizar" mentres aumenta as emisións

A empresa pretende agora recuperar o fuel como combustíbel en tres fornos de 147 MW cada un para a calcinación da alúmina. Na actual AAI, os valores máximos de contaminantes fixados nestes procesos para os óxidos de xofre e nitróxeno son 35 mg/Nm3 para o SO2 e 450 mg/Nm3 para NOx. Co paso a fuel, pasarían a emitir 1700 mg/Nm3 e 615 mg/Nm3 respeitivamente; isto é un 4757% máis para os óxidos de xofre e un 35% máis para os óxidos de nitróxeno.
Dase a circunstancia ademais que a Xunta xa lle permitira a ALCOA superar o límite de emisión de NOx, establecido no RD 815/2013 e fixado en 200 mg/Nm3. Agora ALCOA pide novamente a graza de superar este valor para o nitróxeno, e a maiores disparar tamén a contaminación por óxidos de xofre até 1700 mg/Nm3, moi por riba do límite legal de 250 mg/Nm3.

Curiosamente ALCOA opta a poder financiarse cos fondos do PERTE (Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia), uns 3.000 millóns de € do Goberno español para descarbonizar a industria electrointensiva, particularmente a do aceiro e do aluminio. Así que por unha banda, a empresa pretende pagar con fondos públicos a súa descarbonización e por outra intensificar a súa emisión de gases contaminantes. O “aluminio verde” que din van producir semella pois bastante marrón, ou vermello, como as lamas da súa inmensa balsa tóxica que tamén pretenden ampliar.

A Xunta pregouse recentemente ás demandas de ALCOA e permitíulle na AAI de 2020 superar os límites de contaminantes fixados pola normativa europea para o flúor e as partículas, coa excusa de aforralle custos de produción e evitar despedimentos. Agora a guerra na Ucraína dá a ALCOA a excusa perfecta para reducir custos, e seguir a cargar sobre o ambiente e a saúde da cidadanía a imensa débeda ambiental xerada pola empresa en máis de 40 anos na Mariña.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal