ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Nace a Plataforma pola Recuperación do río Sar

10-02-2012

Nace a Plataforma pola Recuperación do río Sar

Nace a Plataforma pola Recuperación do río Sar

Padrón, 10 febreiro 2012. Este día presentouse en Padrón a Plataforma pola Recuperación do Sar, unha asociación sen ánimo de lucro que ten como fin acadar para o Sar, así como para as súas ribeiras, unhas condicións ambientais óptimas.

Trátase de manter e conservar unha biodiversidade faunística e florística tan ampla como sexa posíbel, tanto en variedade de especies como na densidade das súas poboacións, así como a consecución duns parámetros fisicoquímicos que permitan a existencia e a pervivencia dun axeitado equilibrio ecolóxico. Non esquecemos a preservación do patrimonio cultural e etnográfico de forma que xunto co patrimonio natural, sexan fonte de riqueza para toda a bisbarra por onde discorre o río.

Á presentación no Auditorio de Padrón acudiron case un cento de persoas e interviñeron os representantes dos colectivos promotores da Plataforma: Xosé Manuel Penas Patiño (Biólogo), Virginia Rodríguez (Presidenta de ADEGA), Luis Tapia (Biólogo) e Luis Piñeiro (Pescador).

Nace a Plataforma pola Recuperación do río Sar

A Plataforma pola Defensa do Sar pretende facer entre outras as seguintes actividades:

  1. Realizar observacións directas do cauce fluvial e as súas ribeiras e no caso de que se considere necesario proceder a denunciar aqueles feitos que atenten contra este ecosistema.
  2. Colaborar co mellor estado do río organizando limpezas da súa canle e ribeiras.
  3. Solicitar o cumprimento da lexislación e o establecemento das disposicións que sexan necesarias, así como colaborar con todo tipo de autoridades e administracións para a mellor consecución dos fins sinalados.
  4. Organizar actividades con centros educativos.
  5. Poñer a situación do río e as actividades da asociación en coñecemento da sociedade por medio da realización directa de charlas así como a través dos medios de comunicación.
  6. Documentar aquelas situacións ambientais que se consideren de interese para a consecución dos fins que son propios.
  7. Solicitar a colaboración doutras asociacións e no seu caso recíprocamente colaborar con elas.

A nova entidade continuará con presentacións polos diferentes concellos da bacía do Sar. A vindeita será este 24 de febreiro en Santiago de Compostela.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal