Inicio / Novas / ADEGA Nacional / "Ti podes paralos!" acada o seu reto en 7 días:...
28-10-2022
Hoxe é un día de celebración e de xúbilo para todas as organizacións, entidades, plataformas, e persoas particulares que coas súas achegas voluntarias contribuíron a facer posible a paralización efectiva dos parques eólicos Campelo e Bustelo a través da campaña “Ti podes paralos!”. Dous días despois de ter ingresado o depósito de caución para a paralización cautelar efectiva do PE Campelo, hoxe vimos de efectuar o depósito da segunda caución esixida para efectivizar a paralización cautelar do PE Bustelo.
En tan só 7 días, esta iniciativa de recadación solidaria, impulsada pola asociación ecoloxista ADEGA, conseguiu superar os 20.000 euros requiridos como aval por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para facer efectivas as suspensións cautelares de ambos proxectos eólicos de Greenalia, sitos nos concellos de Coristanco, Santa Comba e Carballo. A recadación total acada os 23.692 euros!!
Un éxito de solidariedade colectiva sen precedentes no que se contabilizan 220 doazóns e 18 préstamos, que conxuntamente suman un total de 238 achegas solidarias no marco da campaña “Ti podes paralos!”.
Este contundente e masivo apoio da sociedade galega á campaña “Ti podes paralos!” pon de relevo a existencia dun forte e amplo rexeitamento social ao actual modelo eólico da Xunta de Galicia e á súa política enerxética, que ademais leva acumulado en poucos meses varias resolucións xudiciais negativas a instancias dos recursos contencioso-administrativos presentados nos tribunais pola veciñanza e as organización sociais do país: a anulación firme de tres proxectos eólicos (PE Sasdónigas, PE Corme Repotenciación, PE Serra do Iiribo) e agora a paralización cautelar efectiva doutros dous parques (Campelo e Bustelo), ás que se podería sumar nos próximos días a suspensión cautelar do parque eólico Monte Toural, tamén de Greenalia, e tamén solicitada por ADEGA e PDCC.
Desde a asociación ecoloxista ADEGA sentímonos profundamente emocionadas pola resposta cidadá acadada e queremos manifestar publicamente o noso máis sinceiro agradecemento a todas aquelas persoas e entidades que respondéstedes de xeito tan xeneroso e dilixente ao noso chamado. Cremos que este fito vai máis aló do seu obxectivo inicial. Entre todas e todos vimos de demostrar que xuntas podemos defender a nosa terra e o noso pobo dos abusos das grandes promotoras eólicas e, mesmo, impedir a construción de proxectos eólicos autorizados -indebidamente- pola Xunta, que son agresivos co noso territorio e inxusto coa veciñanza.
Por conseguinte, estamos a evitar a destrución irreparable de valores e recursos naturais insubstituibles, que ademais forman parte do noso patrimonio natural colectivo. Neste caso, ofrece especial mención a preservación da Lagoa de Alcaián e da súa contorna, proposta para ser integrada nas ampliacións de Rede Natura 2000, e a única poboación mundial de Centaurea ultreiae, unha planta endémica que só se atopa nesta área e que está en “perigo crítico de extinción”.
Así pois, grazas á colaboración cidadá, nin o parque eólico de Campelo, nin o parque eólico Bustelo, poderán executar as súas obras, cando menos, mentres estean en curso os procedementos xudiciais abertos no Tribunal Superior de Xustiza de Gaicia polos recursos contencioso-administrativos presentado por ADEGA e a PDCC contra as autorizacións da Xunta a estes dous proxectos.
A campaña de recadación solidaria “Ti podes paralos!” consegue o seu reto nun tempo récord e cando aínda quedaban 5 días para a súa finalización. Pero, ao ter acado xa o obxectivo marcado (20.000 €), hoxe venres, 28 de outubro, dáse por concluida a campaña de recadación “Ti podes paralos!”.
No obstante, ADEGA lembra que aínda está pendente de recibir a notificación do TSXG relativa á resolución sobre a solicitude de paralización cautelar do parque eólico Monte Toural, o terceiro que conforma, xunto con Campelo e Bustelo, este macroproxecto eólico de Greenalia nos arredores da Lagoa de Alcaián. No caso de que o Tribunal admita a petición de paralización cautelar do parque eólico Monte Toural, é previsible que a efectividade da medida cautelar volva estar condicionada ao depósito dunha caución de 10.000 euros por parte das entidades recorrentes, como nos outros dous casos precedentes, importe ao que nin ADEGA nin PDCC poderían facer fronte cos seus propios medios. Neste suposto, ADEGA non descarta ter que apelar de novo á solidariedade colectiva e reabrir a campaña de doazóns e préstamos “Ti podes paralos!” para poder afrontar unha vez máis a esixencia do TSXG.
Neste senso, o remanente acadado a través da actual campaña de doazóns (3.692 euros) ficará inmobilizado en previsión de que haxa que facer fronte a unha terceira caución, relativa ao proxecto eólico Monte Toural.
Malia a ter acadado con éxito o importe requirido como aval polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para facer efectivas as paralizacións cautelares do parques eólicos Campelo e Bustelo, ADEGA e PDCC presentaron recursos ante o TSXG contra a imposición de caucións. Ambas entidades ampáranse na existencia dunha cada vez máis ampla xurisprudencia que exime as entidades sen ánimo de lucro defensoras de intereses públicos de ter que facer fronte a garantías ou caucións para efectivizar as medidas cautelares.
Así pois, ter cumprido cos requirimentos de caución esixidos pola Sala Terceira do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non implica que ADEGA e da PDCC estean conformes con tales disposicións. Debemos advertir que se, finalmente, a campaña de recadación solidaria non conseguise o seu obxectivo, nin ADEGA nin a PDCC poderíamos facer fronte pola nosa conta ao pago das caucións, e por tanto, tampouco conseguiríamos facer efectiva a suspensión cautelar dos parques eólicos nin, por conseguinte, salvagardar os intereses públicos que pretendemos defender.
Por estes motivos, agardamos que o TSXG atenda os nosos recursos contra a imposición de caucións e considere a súa retirada ás entidades sociais que pretendemos defender os intereses colectivos dos abusos perpetrados polas grandes corporacións empresariais da enerxía ou polas propias administracións públicas.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal