ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Ti podes paralos!: recadación solidaria pola...

21-10-2022

24/10/2022, 14:39 horas: xa levamos 7.502 euros recadados!

Ti podes paralos!: recadación solidaria pola paralización cautelar efectiva dos parques eólicos Bustelo-Campelo-Monte Toural

ADEGA lanza hoxe a campaña de recadación solidaria "Ti podes paralos!" para conseguir recadar antes do 1 de novembro os 20.000 euros que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) require como caución ou aval para facer efectiva a paralización cautelar dos proxectos eólicos Campelo e Bustelo, promovidos por Greenalia nos concellos de Santa Comba, Coristanco e Carballo.

Este aval ou garantía requírese ás entidades recorrentes (ADEGA e PDCC) co obxecto de "responder dos prexuízos de calquera natureza que puidesen derivarse da medida cautelar", como así o establece o TSXG nos autos de 19 de setembro e 6 de outubro, relativos á paralización cautelar dos parques eólicos Campelo e Bustelo, respectivamente.

Ademais, é previsible que nas seguinte semanas o TSXG acolla tamén a solicitude de paralización cautelar do proxecto Monte Toural, formulada por ADEGA e PDCC, que viría a completar o conxunto das suspensións cautelares solicitadas relativas aos tres proxectos de Greenalia que foron recorridos o pasado xaneiro en vía contencioso-administrativa por ambas entidades ecoloxistas. Isto enfrontaríanos, probablemente, a outros 10.000 euros de caución que se sumarían aos 20.000 euros xa esixidos polo Tribunal galego para efectivizar ditas suspensións cautelares dos proxectos.

Para facer fronte a este reto, ADEGA apela con urxencia á solidariedade colectiva para "pararlle os pés a Greenalia e aos abusos do actual modelo eólico da Xunta, agresivo co territorio e coas persoas". Desde a organización ecoloxista ADEGA requírese con urxencia o apoio de colectivos, plataformas, e do conxunto da cidadanía para impedir, a través do depósito dos avais, que se inicien as obras dos tres parques eólicos de Greenalia, evitando que se produzan danos ambientais e sociais irreparables.

A actual situación ofrécenos unha oportunidade única para frear o modelo eólico devastador da Xunta, mais tamén nos enfronta a un reto difícil: conseguir recadar 20.000 euros para depositar como aval antes do 1 de novembro!

tipodesparalos.adega.gal

Toda a información relativa á campaña de recadación colectiva estará dispoñible no sitio web https://tipodesparalos.adega.gal

ADEGA ofrece dúas modalidades de colaboración ou achega solidaria, a través de doazón ou préstamo. Deste xeito, calquera persoa ou entidade con personalidade xurídica poderá contribuír segundo a opción que máis lle conveña. Mentres a doazón ofrece a posibilidade de desgravar ata un 80% na declaración da renda, o préstamo solidario poderase recuperar por parte do prestamista no caso de que as sentenzas dos recursos contenciosos-administrativos presentados contra estes proxectos eólicos acaben resultando favorables.

As doazóns á campaña "Ti podes paralos!" poderán efectuarse no sitio web https://doazons.adega.gal

  • Poderás facer o pago con tarxeta de crédito/débito, Bizum ou Paypal.
E os préstamos solidarios poderán depositarse, seguindo as instrucións do formulario https://prestamos.adega.gal
  • O pago deberá realizarse por transferencia bancaria.
ADEGA actualizará periodicamente na súa páxina web a evolución da cifra recadada.
Calquera dúbida relacionada coa campaña ou coas distintas modalidades de achegas, pódese consultar a través do teléfono 981570099 ou no correo electrónico xestion@adega.gal.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal