Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Novo pau xudicial para a Xunta e Greenalia: O...
17-10-2022
En apenas quince días, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de paralizar cautelarmente dous proxectos eólicos autorizados pola Xunta e promovidos por Greenalia, de cuxo Consello de Administración forma parte como Conselleira Executiva a ex-conselleira de Medio Ambiente no goberno de Núñez Feijóo, Beatriz Mato. A sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, por medio de Auto de data 6 de outubro, vén de acoller a pretensión de ADEGA e da PDCC de suspender cautelarmente a Resolución do 28 de xuño de 2021 da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, da Xunta de Galicia, pola que se outorgaron as autorizacións administrativas previa e de construción e se declarou a utilidade pública do proxecto do parque eólico Bustelo, sito nos municipios de Carballo e Coristanco e promovido pola sociedade Greenalia Wind Power Bustelo, S.L.
As autorizacións administrativas relativas ao proxecto eólico Bustelo, así como as outorgadas para a construción dos parques eólicos Campelo e Monte Toural, igualmente promovidos por Greenalia, foron obxecto de impugnación a finais do mes de xaneiro perante o Tribunal Superior de Xustiza por parte de ADEGA e da Plataforma para la Defensa da Cordillera Cantábrica (PDCC), solicitándose nos tres casos a adopción da medida cautelar de suspensión da execución dos correspondentes acordos. Os tres recursos foron interpostos con cargo ao Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica (FDXCC), campaña de recadación colectiva promovida o ano pasado por seis entidades (ADEGA, SGO, PDCC, a Mesa Eólica de Las Merindades de Burgos, Bierzo Aire Limpio e a Plataforma para la defensa de los Valles Pasiegos) para iniciar accións xurídicas na defensa do territorio fronte a invasión eólica. Con esta, xa son dúas as paralizacións cautelares de proxectos eólicos conqueridas grazas a esta campaña de micromecenado.
O Auto de 6 de outubro reitera os argumentos xa esgrimidos con relación ao outorgamento da medida de suspensión cautelar do parque eólico Campelo, rexeitando unha vez máis as alegacións da Xunta e de Greenalia. Así, a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acorda a suspensión cautelar atendendo a que “non se pode ignorar que os defectos de publicación e audiencia que alega a letrada da actora xa deron na estimación de dous recursos nos que, con fundamentos nas mesmas normas, se alegaba tal deficiencia”, referíndose ás sentenzas xa ditadas por esta Sala de 21 de xaneiro de 2022, que declararon a nulidade das autorizacións relativas ao proxecto do parque eólico de Corme G-3 (modificación substancial por repotenciación), igualmente de competencia da Xunta de Galicia.
ADEGA e a PDCC impugnaron xudicialmente os tres parques eólicos de Greenalia fundaméntase na concorrencia da fragmentación artificial dos proxectos, contraria ao dereito comunitario; nas irregularidades en canto ao desenvolvemento dos trámites de información pública dos proxectos, reducidos a quince días e nos que non se puxeron a dispor da cidadanía os informes sectoriais correspondentes; e na súa incompatilidade coa preservación ambiental.
Porén, a efectividade da medida cautelar de suspensión da Resolución do 28 de xuño polo que a Xunta autorizou o parque eólico Bustelo, está condicionada ao depósito dunha garantía de 10.000 euros por parte das entidades recorrentes, no breve prazo de 15 días. O Tribunal xustifica esta esixencia de caución para “responder dos prexuízos de calquera natureza que puidesen derivarse da medida cautelar”.
Deste xeito, ADEGA e PDCC vense obrigadas a dispoñer a curto prazo de 20.000 euros para poder facer fronte á imposición das caucións ás que se condicionan ambas medidas cautelares de paralización dos parques eólicos Campelo e Bustelo.
Neste senso, as entidades recorrentes iniciarían esta semana unha campaña de recadación colectiva solidaria para poder facer fronte á imposición destas dúas caucións e conquerir así, no prazo requirido, a paralización efectiva dos dous proxectos eólicos de Greenalia.
Paralelamente, iniciarase unha xeira de mesas informativas nas zonas afectadas polos tres proxectos eólicos recorridos de Greenalia que comezará o próximo xoves, 20 de outubro, en Santa Comba. O acto informativo titulado “Como paralos?!”, convocado por ADEGA e a Plataforma non eólicos Bustelo-Campelo-Monte Toural, estará dirixido ao público xeral con especial atención aos veciños e veciñas directamente afectadas. Comezará ás 20:30 horas no Edificio multiusos Terras do Xallas e contará coa intervencións de avogados das entidades recorrentes e membros de ADEGA, da Plataforma non eólicos Bustelo-Campelo-Monte Toural e de Salvemos a comarca de Ordes.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal