11-10-2022
A delegación de Lugo de ADEGA da comezo este domingo o programa de roteiros 2022/23 que leva por título “Depredación da natureza ou autosuficiencia”.
Nos últimos anos os intereses económicos son o compás de políticas colonialistas que co obxectivo de converter o rural nun gran polígono industrial, destrúen a biodiversidade e as formas de vida tradicionais. A eucaliptización, o negocio dos lumes, a implantación dunha fábrica como Altri na Ulloa, ou a actual vaga eólica son algúns dos temas que nos levarán neste curso polas provincias de Lugo e Ourense. Coñeceremos parte dos valores ambientais que poderían perderse, en colaboración con entidades e colectivos locais que que loitan por defender o territorio dos continuos ataques do sistema capitalista.
Estase dando prioridade a proxectos que ocupan con cemento solos fértiles, destruíndo espazos naturais que agora aportan beneficios ecosistémicos ao entorno no que se atopan. Promóvese a eucaliptización de grande parte do País, coa perda de biodiversidade e de risco que isto supón para o manto freático e reservas dos acuíferos. A implantación de macrocentrais eólicas con longas liñas de alta tensión asociadas, que fragmentan o territorio e cuxa produción se destina á exportación, non ao consumo interior.
Entendemos que para afrontar a actual crise sistémica a conservación da biodiversidade debe ser prioritaria. A transición ecolóxica debe dirixirse cara as soberanías alimentar e enerxética das comunidades, para facernos máis resilentes fronte o cambio climático.
E damos comezo co roteiro “O Courel revive sempre”. Orlando Álvarez será quen nos guíe nesta andaina na que partiremos dende o Alto do Couto para achegarnos ata o Chan da Rogueira, dende onde cruzaremos a Devesa polo Carreiro dos Dez Regueiros, ata sair pola louseira dos Carrís ao Val de Ferreirós. Avanzaremos ata o miradoiro de Pico Polín, entre o Courel aburado e os eidos librados do lume. Descenderemos pola Serra da Lomba ata coller o Camiño de Parada nas Chas.
O percorrido ten unha lonxitude de 9 Km (3-4 horas) e de dificultade media.
Xa en Parada visitaremos a Fundación Uxío Novoneyra e reencontrarémonos con Juan de Vilar para entregarlle o diploma do premio osíxeno dado por ADEGA no ano 2008 e que se queimou no incendio do seu museu etnográfico.
Os Roteiros de ADEGA-Lugo son andainas pola Natureza que organiza a delegación de Lugo da organización ecoloxista ADEGA desde hai máis de 20 anos e que están dirixidas á poboación de todas as idades, co obxectivo principal de achegar as persoas á súa contorna natural para que coñezan os valores naturais, patrimoniais e culturais que enriquecen e identifican o noso territorio.
Na propia bitácora de Roteiros de ADEGA-Lugo (http://roteirosadegalugo.wordpress.com) irase actualizando toda a información relativa a cada saída e as indicacións para formalizar a reserva.
As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 13h do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.
Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal