ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Vitoria! O Supremo anula definitivamente o parque...

10-10-2022

Vitoria! O Supremo anula definitivamente o parque eólico Serra do Iribio no Courel

A Xunta dera o visto e prace ao proxecto cunha avaliación ambiental obsoleta e anterior á inclusión da Serra de Iribio na Rede Natura 2000


A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza  (ADEGA), a Sociedade Galega de Ornitoloxía  (SGO), e a Fundación Ouso Pardo (FOP) celebramos a sentenza do Tribunal Supremo que confirma a nulidade da autorización do parque eólico lucense de Iribio (ou Oribio). Esta autorización foi outorgada no ano 2019, empregando unha declaración de impacto ambiental (DIA) concedida catorce anos antes, en 2005, para un proxecto tramitado baixo a mesma denominación nos mesmos terreos pero substancialmente distinto.

O Alto Tribunal pon fin así aos intentos da Xunta de Galicia por salvar o proxecto promovido por FERGO VENTO SL na Serra do Oribio  e dá a razón ás organizacións conservacionistas e ecoloxistas que en 2019 impugnamos a autorización en primeira instancia argumentando que non foi conforme a dereito, xa que a súa construción non era compatible coa conservación da riqueza natural e cultural deste territorio, nin co seu desenvolvemento sustentable, e non cumpría as disposicións do Plano Director da Rede Natura 2000 en Galiza.

Nun principio as obras xa foran paralizadas preventivamente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza en 2019 ao non contar coa documentación regulamentaria.

A empresa promotora e a Xunta presentaron recurso de casación ante o Tribunal Supremo unha vez que o Tribunal de Xustiza de Galicia (TSXG) dera a razón ás tres organizacións conservacionistas. O proceso conclúe agora cun novo pulo da xustiza á conservación deste espazo natural. O Tribunal Supremo reprocha que a Xunta fixese valer un procedemento de avaliación de impacto ambiental claramente obsoleto, obviando a caducidade da DIA e as sucesivas proteccións legais que se foron outorgando á zona.

A mercantil promotora do parque expuxera tamén subsidiariamente recurso de casación autonómico ante o TSXG, nun procedemento xudicial que, a xuízo da representación letrada das tres organizacións, defendidas polo despacho de avogados EcoUrban, agora queda vinculado polo pronunciamento do Tribunal Supremo e na práctica fai inviable retomar a tramitación do parque eólico Iribio.

As entidades conservacionistas e ecoloxistas recorrentes solicitarán agora a restauración das zonas afectadas polas obras.

Esta sentenza é un importante paso para a protección efectiva da exigua Rede Natura en Galicia, salvagardando un dos seus espazos máis emblemáticos. A Serra do Iribio sitúase entre os municipios de Triacastela  e Samos na provincia de Lugo, constituíndo a área máis setentrional do espazo natural do Courel. Está catalogada como Zona Especial de Conservación (ZEC Ancares-Courel) e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN), dentro da Rede Natura 2000 de Galiza, e agora tamén Reserva da Biosfera, ten unha riqueza natural moi destacable, ademais de importantes valores etnográficos e culturais que ficaban baixo ameza deste proxecto eólico. É unha zona de presenza recente de oso pardo, dentro do proceso de expansión natural da especie cara ao occidente da súa área de distribución. De feito, desde o ano 2017 nesta zona desenvolveuse o proxecto Life Oso Courel co obxectivo de favorecer o asentamento permanente do oso pardo na Serra do Courel, e favorecer a convivencia entre o osos e as actividades humanas.

Senta xurisprudencia

É relevante que o Tribunal Supremo realizou o esforzo de fixar xurisprudencia sobre a caducidade das declaracións de impacto ambiental. Trátase, por tanto, dun pronunciamento que vai máis aló do caso particular de Iribio  e que pode resultar determinante para moitos outros supostos tamén fóra do territorio galego, ao interpretar a normativa estatal.

Ademais, esta doutrina afecta non só a parques eólicos, senón a calquera tipo de proxecto sometido a avaliación de impacto ambiental no que a Administración, obviando os prazos de caducidade que impón a normativa, outorgue autorización. O Alto Tribunal considera que, aínda que non sexa posible que os tribunais substitúan ás administracións públicas na declaración de caducidade da DIA, si que poden declarar que o procedemento de avaliación de impacto ambiental que acompaña ás autorizacións non é válido, anulando a autorización, ao ignorarse pola administración competente a súa obriga de tramitar o correspondente expediente de caducidade, retomando un principio, xa consagrado pola xurisprudencia, que sostén que a administración non pode beneficiarse da súa propia neglixencia ou inactividade cando o resultado sexa contrario a dereito ou ao interese público.

Agradecementos

Desde ADEGA, manifestamos o noso agradecemento ás entidades co-recorrentes e a todos os colectivos e persoas que conformaron a plataforma Salvemos o Iribio e que fixeron posible esta contundente vitoria! Ao final, entre todas, conseguimos Salvar o Iribio! Agora toca a súa restauración, que esixiremos coa mesma contundencia!

Moitas grazas!

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal