ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Súmate á XI Limpeza Simultánea de Praias os días...

28-09-2022

Súmate á XI Limpeza Simultánea de Praias os días 14 e 15 de outubro

ADEGA convoca un ano máis a Limpeza Simultánea de Praias, que desta volta acada a súa XI edición, e terá lugar na fin de semana do 14 e 15 de outubro. Esta xornada de voluntariado ambiental ten o propósito de concienciar a sociedade na loita contra a contaminación mariña.

Foron chamados a participar nesta limpeza simultánea de praias e denunciar esta problemática ambiental os centros de ensino, escolas de surf e mergullo, clubs de piragüismo e vela, pescadores, mariscadoras, concellos do litoral, e entidades de todo tipo de Galiza, tanto públicas como privadas, ademais das persoas particulares.

As limpezas serán ecolóxicas, non mecanizadas, e tratarán de eliminar boa parte dos residuos que están nas praias coa idea de chamar a atención da sociedade sobre a súa contaminación procedente nomeadamente de terra adentro. As principais causas desta problemática ambiental débense situar no modelo de consumo e produción baseado no modelo “usar e tirar”, a deficiente xestión dos residuos que xeramos e a falta de concienciación dalgúns sectores da poboación. Todo iso provoca que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos, procedentes en parte da industria do mar (pesca, extraccións...), pero tamén dos nosos fogares.

Polo de agora xa hai preto de 30 areaismáis de 20 entidades voluntarias anotadas para a limpeza de praias e mantense aberto o prazo para novas adhesións. ADEGA ofrecerá asesoramento ás entidades participantes e proporcionaralles o material divulgativo e os protocolos de limpeza.

Súmate a algunha das limpezas xa confirmadas no mapa ou promove ti unha nova limpeza, enviando un correo a itziar@adega.gal, ou chamando ao teléfono 699 217 310.

Descarga, cumprimenta e difunde o cartaz!

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal