ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Os gromos recorrentes de botulismo en Galiza...

15-09-2022

Os gromos recorrentes de botulismo en Galiza ameazan as aves acuáticas

Desde hai dúas semanas véñense recollendo no encoro de Vilagudín (Ordes/Cerceda) unha media diaria de 20 gaivotas mortas aparentemente por causa do botulismo, doenza causada pola bacteria Clostridium botulinum, e da cal xa se reportaran gromos no pasado. A maior parte das aves afectadas son gaivotas patiamarelas (Larus michahellis), especie que vén de experimentar un declive moi importante nas súas poboacións en Galiza.

Ante este novo gromo, a Xunta vén de ordenar a veda de pesca no encoro de Vilagudín “ata determinar as causas do episodio e o seu impacto”. Esta medida adoptada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, malia que necesaria, é insuficiente. Os episodios de mortaldade de aves e outra fauna causados, presumiblemente, por botulismo, que a Xunta cualifica de “extraordinarios”, estanse a producir de xeito recorrente, ano tras ano, no encoro de Vilagudín, cando menos desde 2016, segundo ten constancia ADEGA.

Ademais, xa se están estendendo estes casos a outras zonas encoradas do noso territorio. Na segunda semana de setembro outras gaivotas con síntomas de botulismo foron detectadas noutras áreas, como Noia e o encoro de Abegondo-Cecebre (*na foto, xuvenil de gaivota patiamarela (Larus michahellis) co pescozo ríxido, síntoma da doenza), e gaivotas mortas (sen confirmar presenza de Clostridium botulinum) en áreas próximas á cidade da Coruña e no Barbanza. Como novidade, detectáronse tamén varios mamíferos mortos en Vilagudín, quizais afectados por alimentarse de gaivotas mortas por botulismo, e tamén se investiga a morte dun can na praia fluvial de Tapia (Ames), quizais afectado por esta doenza.

Desde ADEGA consideramos necesario que se aborde esta situación como unha problemática recorrente e que se pode converter en crónica, se a Xunta nos dispón os medios e recursos necesarios para atallala canto antes. Neste senso, demandamos que se inicie unha investigación rigorosa e en profundidade das causas que hai detrás destes reiterados episodios de mortandade supostamente por botulismo, tanto na contorna do encoro de Vilagudín, como das outras zonas onde se detectaron feitos semellantes. É preciso identificar cales son os focos do botulismo para determinar atinadamente cales son as solucións.

Inpección minuciosa dos vertedoiros de lixo

Instamos á Xunta para que faga unha inspección minuciosa dos vertedoiros galegos, en especial do macrovertedoiro da Areosa, en Cerceda, como posible foco desta doenza. Son milleiros de gaivotas as que alí se alimentan diariamente e que logo van lavarse e durmir ao próximo encoro de Vilagudín, onde existe tamén un durmidoiro nocturno deste grupo de aves acuáticas. Noutro suposto, podería ser que exista unha vertedura dalgún tipo de residuo orgánico, quizais procedente dalgunha industria da contorna do encoro, onde esta bacteria se ten identificado en numerosas ocasións. Existe o risco de que se produza unha trasmisión da enfermidade ao resto de fauna e pode acabar converténdose nun problema de saúde pública.

Ao tempo, desde ADEGA reclamamos que se destinen os recursos técnicos e económicos necesarios para facer fronte á atención do elevado número de gaivotas e outras aves afectadas nos centros de recuperación de fauna salvaxe, perante os primeiros indicios de botulismo, garantindo a presenza de persoal a diario nos centros, e un reforzo do mesmo en situacións de necesidade.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal