ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA Lugo denuncia que o Club Fluvial segue a...

29-08-2022

ADEGA Lugo denuncia que o Club Fluvial segue a incumprir a Lei de Augas

A delegación de Lugo de ADEGA vén de denunciar unha vez máis perante a Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS), que o Club Fluvial de Lugo segue a incumprir a Lei de Augas e o Regulamento do Dominio Público Hidráulico, mantendo pechado e denegando o acceso ao río a aquelas persoas que non son socias do Clube.  Durante a actividade que fixemos onte ao acceder ao recinto da entidade, sentímonos coaccionadas, como se o acceso ao río fose un acto delituoso.

Non entendemos a actitude do actual presidente, que pese a todas as multas impostas pola CHMS e a recente denegación da solicitude de legalización das instalacións do Clube Fluvial por ser incompatibles co Plan Hidrolóxico Miño Sil, continúa no seu afán de manter a entidade fóra da legalidade. A mesma actitude que supuxo unha multa de 50.000€ por realizar o asfaltado e a corta de arborado no DPH sen autorización algunha, e que por non ter aínda devolto ao seu estado orixinal ten que pagar outros 3.300€.


A entidade deportiva mantén pechado o acceso ao río ao público xeral

O peche perimetral das instalacións do Club Fluvial no Dominio Público Hidráulico (DPH) supón unha falta reiterada ó longo dos anos por parte do Clube Fluvial. A Lei de Augas (TRLA) e o Regulamento do DPH1 definen claramente que o leito do río é público e que a zona de servidume para uso público terá diferentes fins, entre os que se atopa o paso público peonil. Ademais no momento en que a entidade denega o paso ao público en xeral, está a impedir o baño público, polo que está a incumprir de forma sistemática a TRLA e o Regulamento do DPH2.

E todo isto sucede coa conivencia das administracións, que manteñen pechado o acceso ao río da fábrica da luz e en total estado de desleixo, cunha pontella que supón un perigo para as viandantes, e cun espazo que podería ser empregado pola veciñanza para acceder ao caneiro e polo tanto ao río.

É preciso destacar que o treito de río apropiado cando menos nos últimos 60 anos polo Club Fluvial é o único do Miño ao seu paso por Lugo que está recoñecido como zona de baño e que, por tanto o único que conta coas mínimas análises e garantías de seguridade e de sanidade ás que obriga a lexislación vixente.

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil debe esixirlle á entidade deportiva que cumpra coa lexislación vixente en materia de augas e co regulamento de dominio público hidráulico. Isto implica que debe obrigar ao Club Fluvial a eliminar ou retirar de forma inmediata calquera elemento ou infraestrutura que estea a impedir ou a disuadir o acceso público á zona de servidume neste treito do río Miño que transcorre fronte ao caneiro. Pensamos que no século XXI, e nun contexto global de cambio climático, xa non teñen cabida instalacións no dominio público hidráulico que traten de perpetuar zonas de baño privadas ou de uso exclusivo.


1 Os artigos 2, 4 e 7 Real Decreto Lexislativo 1/2001, de 20 de xullo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Augas (TRLA) e os artigos 2 e 6 do Real Decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regramento do Dominio Público Hidráulico, que desenrola os títulos preliminares I, IV, V, VI e VII de la Lei 29/1985, do 2 de agosto, de Augas (Regramento do DPH)

2 Segundo os artigos 50.1 do TRLA e do Regramento do DPH, na sección de “Usos comúns da auga”, afírmase que “Todos poden, sen necesidade de autorización administrativa e de conformidade co que dispoñan as leis e os regramentos, usar as augas superficiais, namentres discorran por leitos naturais para beber, bañarse, e outros usos domésticos”.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal