Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA denuncia varias plantacións ilegais de...
04-02-2014
Os efectos nocivos do monucultivo de eucalipto son amplamente coñecidos, aínda así, parece que a Administración antepón os intereses económicos dun lobby produtivo aos intereses ambientais e sociais xerais. O aumento do cultivo do eucalipto vén ocorrendo nas últimas décadas da man do abandono agrario e do declive do medio rural galego. A falta dun modelo produtivo sostible, multifuncional, de implicación ambiental e social, para o noso rural ponse de manifesto nos instrumentos lexislativos que o executivo puxo en marcha recentemente.
Tanto á Lei de Montes aprobada hai dous anos, como outras mudanzas no ámbito agrario (Banco de Terras, SOFOR, etc.), veñen a favorecer a febre “eucaliptizadora” actual, sen apostar pola implantación dunha auténtica política forestal e agraria sostible e xeradora dun medio rural vivo e con calidade de vida. Isto supón unha ameaza para as últimas masas de bosque da provincia, ademais de supoñer a destrución paisaxística dos escasos retallos de campiña que aínda perviven coma unha mostra da paisaxe tradicional galega.
A pesar de todo, existen uns mínimos na lei que impiden facer plantacións de eucaliptos en parcelas con masas de frondosas autóctonas, en terreos agrícolas, a menos de 15 m dos cursos fluvias e a menos de 100 m da liña de costa (segundo a nova Lei de Costas). Estes mínimos, a todas luces insuficientes para asegurar a correcta conservación dos valores naturais da nosa terra, non están a cumprirse. Nos últimos tempos, activistas de ADEGA están a detectar a proliferación das plantacións de eucaliptos en contra do que dicta a lei.
Neste senso, ADEGA xa ten cursado varias denuncias na provincia de Lugo, diante do SEPRONA, da Consellaría do Medio Rural e da Consellaría de Medio ambiente, nos concellos de Lugo, Rábade e Begonte. Nalgúns casos, os resultados xa foron positivos. No caso dunha plantacion de eucalitpos no concello de Lugo, posterior á tala dunha carballeira de 6000 m2 con diferentes categorías de protección (Reserva da Biosfera, PEPRIM, proposta de ampliacion da Rede Natura), a Direción Xeral para a Conservación da Natureza da Xunta de Galicia obrigou ao dono a arrancar os eucaliptos ilegais e plantar castiñeiros. No caso de Begonte, o SEPRONA tamén dispuxo a retirada dos eucaliptos.
Neste escenario, ADEGA persistirá na denuncia dos incumprimentos da lei nas novas plantacións de especies alóctonas, fronte ao "deixar facer" da propia Administración que mira para outro lado.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal