29-06-2022
Desde o ano 2019 ADEGA e a plataforma Lugo de Cara ao Miño levan manifestando tanto publicamente como diante do Concello de Lugo, que o proxecto das piscinas flotantes no río Miño á altura de Acea de Olga, presenta serias dúbidas de viabilidade, polo seu impacto ambiental e paisaxístico, pola falta de profundidade do río e polas poucas garantías de seguridade das instalacións para as persoas, tal e como xa se recollía no informe do Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, do que nos fixemos eco en febreiro do 2019. No devandito informe xa se advertía que as instalacións ocuparían o 40% do ancho do río, en zona de correntes de auga, o que poñería en risco a estabilidade dos módulos das piscinas no caso de enchentes repentinas. Ademais, xa se manifestaban serias dúbidas sobre a existencia do suficiente calado do río para acoller este tipo de instalacións.
Alén da falta de viabilidade técnica, ADEGA e Lugo de Cara ao Miño, tamén poñían en cuestión a viabilidade ambiental das piscinas, por canto na zona de afección se constataba a presenza de hábitats e especies incluídos do Catálogo Galego de Especies ameazadas, sobre as cales non se avalíaba suficientemente o impacto ambiental. A recente constatación da presenza de mexilón de río (Margaritifera margaritifera), especie en perigo de extinción, na zona, ratifica a inviabilidade ambiental das instalacións. Na propia ficha de conservación da especie, remárcase a necesidade de control do uso recreativo da auga, e xeración de zonas de reserva integral que manteñan as condicións naturais do seu hábitat.
Ante as recentes informacións publicadas en prensa sobre as dificultades que o Concello está a atopar para poder executar o proxecto, reiteramos as nosas advertencias e denunciamos que o Concello de Lugo está a promover de xeito desenfocado e errático a ocupación e alteración de novos treitos naturais do río Miño, para a creación dunha praia fluvial pública. Así mesmo insistimos en que o Concello de Lugo xa conta con unha praia fluvial, pero que está privatizada polo Club Fluvial. Desde o noso punto de vista a única fórmula pola que pasaría a praia fluvial pública de Lugo é por desprivatizar espazos xa destinados a ese tipo de aproveitamento e que xa teñen constatado a súa viabilidade técnica e ambiental, como xa dixemos no seu momento, o treito de río ocupado polo Club Fluvial é o único ao seu paso pola cidade de Lugo que está recoñecido como zona de baño, e que, por tanto o único que conta coas mínimas análises e garantías de seguridade e de sanidade ás que obriga a lexislación vixente.
É por iso que solicitamos de novo ao Concello de Lugo á retirada do proxecto das piscinas flotantes, e que favoreza accións que permitan recuperar para uso de toda a veciñanza de Lugo, a praia fluvial do Miño xa existente augas arriba da Ponte Romana e que se está beneficiando dun caneiro público. Cando menos deberia pular por accións públicas que eviten poñer en risco a seguridade da cidadanía e que garantan a conservación da biodiversidade.
Así mesmo, instamos unha vez mais a Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, que destine convenientemente os fondos que proceden da Unión Europea e doutros organismos estatais destinados á conservación da natureza, para promover accións de divulgación e sensibilización dos valores naturais do Miño, especialmente significativos ao seu paso pola cidade, mesmo promovendo a creación de reservas integrais para garantir a conservación das especies en perigo de extinción presentes no río e nas súas marxes. Especies e hábitats que nos últimos anos se atopan especialmente ameazadas polos proxectos promovidos polo Concello de Lugo.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal