ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Galiza enche de novo a Praza do Obradoiro para...

04-06-2022

Galiza enche de novo a Praza do Obradoiro para esixir un modelo enerxético alternativo á actual invasión eólica

Na xornada de hoxe, con motivo do Día do Medio Ambiente, a Coordinadora Eólica Así Non conseguiu encher de novo a Praza do Obradoiro cunha multitudinaria manifestación de persoas e colectivos que reclamaron un modelo enerxético alternativo para Galiza baixo o lema de “Temos Alternativa!. Por unha enerxía xusta e sustentábel. Por unha enerxía por e para o pobo”. Varios milleiros de manifestantes, procedentes de todas partes do país, e máis de 200 colectivos e plataformas de afectados/as, ecoloxistas, culturais, veciñais, sindicais, comunais e políticas, sumáronse a esta convocatoria reivindicativa en Santiago de Compostela para esixir de xeito contundente aos gobernos da Xunta e do Estado unha alternativa xusta e ecolóxica ao actual modelo depredador e colonial de transición enerxética, dirixido polas grandes corporacións multinacionais da enerxía, coa conivencia das administracións públicas.

Membros da coordinadora Eólica Así Non congregados na Alameda compostelá ás 12 horas, desde onde partiu a marcha, declararon que “este é o momento de rachar coa lóxica capitalista da produción e o consumo de enerxía, baseada na destrución do medio ambiente, no espolio de recursos e na produción intensiva e centralizada da enerxía por parte dun oligopolio enerxético que mantén cautiva á sociedade ao servizo dos seus intereses privados”. Denunciaron que este modelo depredador, propio do sistema produtivo de enerxías fósiles, preténdese agora instaurar como modelo dominante na implantación de enerxías renovábeis, perpetuando o papel de Galiza como subministradora de enerxía barata para satisfacer a demanda doutros territorios non produtores e hiperconsumidores, á custa de sacrificar o noso medio ambiente, patrimonio e recursos básicos para a nosa vida: “é un modelo colonial, inxusto coa sociedade galega e insustentábel, porque pon en risco a nosa soberanía alimentaria e a preservación de ecosistemas e hábitats que son fundamentais para afrontar o reto climático”.

Afectados/as pola invasión eólica presentaron a alternativa

A Coordinadora Eólica Así Non completou a exposición das súas reivindicacións coa lectura do manifesto “Temos alternativa!” na Praza do Obradoiro, lido por varios representantes das plataformas veciñais e sectoriais que están a sufrir de xeito máis directo e inminente a ameaza da actual invasión eólica que ten en tramitación máis de 300 macroproxectos eólicos para o país. Voceiros e voceiras de colectivos como a Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, a Organización Galega de Montes Veciñais, a Rede do Patrimonio, ou de plataformas locais de afectados/as de zonas como a Terra Chá, o Val do Dubra e A Baña, Ortegal, as Terras do Mandeo, Mondoñedo ou Macizo Central ourensán foron os encargados de poñer voz aos 9 principios sobre os que Eólica Así Non fundamenta a súa proposta enerxética.

Esta alternativa, consensuada por un amplo abano de colectivos galegos representativos de diferentes ámbitos e inquedanzas sociais, sitúa a protección do medio ambiente na base da actual transición ecolóxica, apelando ao estrito cumprimento da normativa ambiental e á ampliación dos espazos naturais protexidos, tanto en terra como no mar, onde tamén a biodiversidade e a pesca se vén ameazados pola actual vaga eólica. Reclama un modelo enerxético que respecte o patrimonio cultural e que non comprometa a soberanía alimentaria de Galiza ou o abastecemento de alimentos básicos para a poboación no futuro. Tamén apela á soberanía enerxética dos galegos e galegas e ao dereito do pobo e da administración pública a participar na xestión directa da demanda e na xeración eléctrica con obxectivos de rendibilidade ambiental e social. O manifesto “Temos alternativa!” insta a priorizar o aforro e a eficiencia enerxética fronte o aumento da xeración, tendo en conta que Galiza xa acadou os obxectivos da UE e do Estado en materia de xeración eléctrica renovábel para 2030 e que xa exporta arredor do 30% da electricidade que produce.

As entidades convocantes da manifestación lembraron que a planificación eólica de Galiza está obsoleta e que carece de aval social e ambiental. Por iso reclamaron unha volta máis o deseño dunha planificación enerxética con fins socioambientais e ao servizo do país, elaborado a partir da participación activa da cidadanía, co gallo de facer prevalecer o interese público fronte ao privado e considerando a enerxía como un ben básico para a sociedade.

Denuncia á Xunta e ao Estado por vulnerar o dereito democrático

A lectura do manifesto concluíu cunha denuncia aos gobernos da Xunta e do Estado por promover continuas reformas lexislativas pola vía da urxencia e sen consulta pública, co obxectivo de favorecer ás promotoras enerxéticas, e á custa de recurtar garantías ambientais e de participación democrática.

Lembraron que a Xustiza xa declarou ilegais algunhas das súas modificacións normativas, obrigando ao goberno galego a rectificar para dar cumprimento ás leis vixentes. “Seguiremos demostrando nos tribunais que temos razón e procuraremos responsabilidades penais. O sistema está corrupto”, advertiron as plataformas de afectados/as desde o palco. A Coordinadora Eólica Así Non tamén manifestou a súa intención de seguir ampliando este gran movemento social e de mobilizar o país ata conseguir que Galiza teña un modelo enerxético racional, sustentábel, e xusto co seu territorio e coa súa xente.

Os mestres de cerimonia, a actriz Isabel Risco e o contacontos Lois Pérez, pecharon o acto reivindicativo ao berro de “Temos alternativa, temos futuro!” Enerxía por e para o pobo!”, logo de que o grupo “Cuarteto de Barbude” puxese o colofón á manifestación coa interpretación do himno galego.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal