ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Colectivos ecoloxistas advirten dos impactos da...

03-05-2022

Un proceso industrial con alto consumo de recursos que traerá máis eucalipto

Colectivos ecoloxistas advirten dos impactos da planta de Altri na Ulloa

A área de implantación da fatoría acolle a hábitats únicos e especies en perigo de extición


As entidades ADEGA, SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural), SGO (Sociedade Galega de Ornitoloxía), o Grupo Naturalista Hábitat, a AGCT (Asociación Galega de Custodia do Territorio) e a FEG (Federación Ecoloxista Galega) denunciamos os graves impactos ambientais que a instalación dunha fatoría de fibras téxtiles de 122 hectáreas da multinacional Altri vai provocar na comarca da Ulloa.

“Lyocell”, un tecido que fai augas a base de máis eucalipto…

O “Lyocell” ou “Tencel” é unha fibra téxtil elaborada a base de restos vexetais que a empresa Altri obtén da madeira de eucalipto. A base do negocio nas súas primeiras etapas (obtención da materia prima, transformación inicial e procesamento da madeira para a obter polpa) é indistinguíbel dunha celulosa para a fabricación de pasta de papel. O volume de auga mínimo preciso para producir unha tonelada de Lyocell supera os 1.500 m3 abeirando os 2.500 m3. Segundo informacións de prensa, Altri prevé que a planta producirá 200.000 toneladas de Lyocell ao ano, ou o que é o mesmo, que consumirá anualmente case 500 millóns de m3 de auga. De onde se va extraer ese enorme volume de auga? A poboación de Palas de Rei (3.414 habitantes) tardaría máis de 3.200 anos en consumir esa cantidade de auga considerando un consumo diario por persoa de 125 litros.

Basear a produción téxtil no eucalipto provocará ademais unha maior extensión desta especie exótica invasora en Galiza e propiciará novas plantacións ilegais, como as que se están a producir actualmente en plena “moratoria feijoniana”. Con Altri demandando eucalipto para cubrir a produción das 200.000 toneladas/ano de Lyocell na planta de Palas, é moi probábel que as 650.000 hectáreas desta árbore que arestora temos xa en Galiza cheguen ao millón. Polo camiño ficará unha biodiversidade estragada, terras de cultivo derramadas, a paisaxe ferida e aumentará risco de grandes incendios. É rechamante que a multinacional Altri busque instalarse en Galiza, terra politicamente abonada ao eucalipto, logo da contestación social e política e o freo ao cultivo desta especie acontecido en Portugal polo devastador incendio de Pedrógão Grande en 2017.

Un punto quente de biodiversidade ameazada, en risco por unha macrofábrica

Planta de lyocell de Lenzing

A localización escollida (A Vacariza, que noutros lugares figura como Finca Rioseco), foi propiedade do gandeiro Leandro Quintas (1937-2022) que quixo convertela nun gran couto de caza, e finalmente destinouse ao vacún. A pesares da destrución de hábitats naturais no seu seo (o máis recente a roza dunha matogueira con endemismos florísticos para plantar piñeiros) é un espazo de alto valor ambiental, contiguo á Rede Natura 2000 (LIC Serra do Careón), e dentro das unidades ambientais da Rede Natura identificadas pola Xunta con hábitats prioritarios. É pois un espazo candidato a formar parte da ampliación da Rede Natura 2000 en Galiza, insistentemente reclamada pola Comisión Europea (hai un procedemento de infracción aberto) e desouvida por Feijóo durante todo o seu mandato. A súa relevancia para o mantemento da biodiversidade da Ulloa ten sido posta de manifesto nunha recente publicación do Instituto de Estudos Ulloáns*

Ademais a parcela acolle a numerosas especies ameazadas, varias delas endemismos únicos no mundo. Por ejemplo, entre as aves, están presentes de forma regular especies catalogadas ameazadas en Galicia** como a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyaneus); outras oito consideradas en perigo de extinción en España*** seguindo criterios da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN); e até 17 especies que deben ser obxecto de medidas de conservación do seu hábitat segundo a Directiva 2009/147/CE da Unión Europea****. Entre os anfibios destacan polo menos dous catalogados ameazados en Galicia**: a rela (Hyla molleri) e a rá patilonga (Rana iberica). Polo que atinxe á flora, e ademais de numerosas plantas moi raras en Galiza, dentro da parcela aparecen catro especies endémicas e exclusivas (a nivel mundial) dos afloramentos serpentiníticos da área de Melide: a herba de namorar de Merino (Armeria merinoi); a magarza de Barazón (Leucanthemum gallaecicum) e a santolina de Melide (Santolina melidensis) as tres en perigo de extinción; e unha vulnerable, a Centaurea gallaecica.

En resumo, unha macrofábrica sedenta de auga e eucalipto proxectada nun dos piores sitios posibles da comarca. Cantas veces imos asistir á repetición dos erros cometidos con modelos como o de ENCE?

Asinan:
ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza)
SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural)
SGO (Sociedade Galega de Ornitoloxía)
Grupo Naturalist Hábitat
AGCT (Asociación Galega de Custodia do Territorio)
FEG (Federación Ecoloxista Galega)


Referenzas:
*Cairón nºV: Catálogo aberto da fauna de vertebrados da Ulloa, pp 166-193 (mención á finca de Quintas nas páxinas 169-170).
** Decreto 88/2007 do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas.
*** Libro Rojo de las Aves de España, SEO-BirdLife, Madrid (2021). Serían o falcón pequeno (Falco subbuteo), picanzo real (Lanius meridionalis), lagarteiro (Falco tinnunculus), paspallás (Coturnix coturnix), papuxa do mato (Sylvia undata), escribenta amarela (Emberiza citrinella), picapeixe (Alcedo atthis) e becacina (Gallinago gallinago)
****Directiva 2009/147/CE do Parlamento europeo e do Consello, de 30 de novembro de 2009, relativa á conservación das aves silvestres.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal