ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA recorrerá ante o Tribunal Supremo a...

19-04-2022

ADEGA recorrerá ante o Tribunal Supremo a sentenza do TSXG en relación co planeamento urbanístico aprobado na esquina da rúa San Roque

O secretario xeral de ADEGA Froilán Pallín Seco, vén de anunciar en rolda de prensa que ADEGA con apoio do Foro do Camiño Primitivo, recorrerá ante o Tribunal Supremo a decisión do Tribunal Superior de Xusticia de Galiza (TSXG) de desestimar o recurso contencioso administrativo presentado por esta asociación fronte a aprobación do planeamento urbanístico aprobado polo Concello de Lugo en 2019 no quinteiro que fai a esquina da rúa San Roque co Carril das Flores (Camiño Primitivo), designado como quinteiro 214A no Plan especial de protección do Conxunto Histórico de Lugo (PEPRI).

A decisión de recorrer ao Tribunal Supremo fundaméntase nunha serie de irregularidades - parte das cales teñen a súa orixe na tramitación do PEPRI - , que o TSXG non valorou á hora de desestimar o recurso inicial, ademais de obviar un informe demoledor e contundente emitido polo ICOMOS que cuestiona dito planeamento.

Sen ter resolto as alegacións presentadas durante o verán de 1996, o Concello solicitou aos órganos da Xunta competentes en materia de urbanismo e patrimonio cultural os informes sectoriais, sen darlles conta de ditas alegacións, froito das cales o Concello introduciu posteriormente cambios na ordenación do PEPRI, sen sometelos a novos informes da Administración Autonómica, a pesares da advertencia do secretario xeral do Concello, emitido o 26 de agosto de 1996. Entre tales cambios, alterouse a ordenación do quinteiro 214A, descatalogando as edificacións históricas que alí existían e permitindo o seu arrasamento e a reedificación do mesmo en base a unha edificabilidade moi superior á preexistente e totalmente desmesurada, vulnerando o artigo 8.3 da Lei autonómica 3/1996 do Camiños de Santiago, que dispoñía que <<en todo caso, non se permitirán nas zonas laterais de protección nin na de protección do entorno novas alineacións nin aumentos de edificabilidade>>.

O planeamento aprobado en 2019 –modificación do PEPRI-, promovido por Hipólito SL, tramitouse novamente sen recadar informes preceptivos, e mesmo invadindo terreos ao propio ámbito do quinteiro, o que determina, seguindo a xurisprudencia do Tribunal Supremo, a nulidade de pleno dereito de dita modificación.

Na sentenza que vai recorrer ADEGA omítese a análise e o axuizamento de boa parte dos fundamentos da demanda, obviándose tamén un recente informe emitido por ICOMOS, sen ter en conta que a intervención desta Institución resulta fundamental naquelas actuacións que afectan a bens declarados pola UNESCO como Patrimonio Mundial, como é neste caso o Camiño Primitivo e a Muralla Romana.

Un novo Garañón ao pé da muralla?

Tras presentar a demanda, en xullo de 2021, a raíz das actuacións realizadas dende o Foro do Camiño Primitivo, ICOMOS España emitiu un novo e extenso informe que se pronunciou de forma moi desfavorable sobre o planeamento aprobado, reprochando a actitude pouco respectuosa co patrimonio cultural que caracterizou a evolución histórica da cidade de Lugo, e exemplificándoa no planeamento aprobado para o quinteiro 214A.

Así mesmo, a principios do presente mes de abril, a Real Academia Galega de Belas Artes emitira tamén un informe, por propia iniciativa, cuestionando igualmente a actuación urbanística que a promotora pretende executar neste punto tan importante da cidade.

A fin de evitar que se vexa comprometido o mantemento das declaracións da UNESCO que recaen sobre as Murallas Romanas de Lugo e o Camiño Primitivo, sería de esperar que o Concello de Lugo tomara debida conta destes últimos informes, revisando o planeamento aprobado para a esquina de San Roque, corrixindo todas e cada unha das deficiencias sinaladas e seguindo escrupulosamente as súas recomendacións.

Aínda se esta a tempo, coa participación de todas as Institucións e axentes implicados, de alcanzar unha solución urbanística respectuosa cons bens patrimoniais afectados, e de evitar una indemnización millonaria como a que se espera no caso do Garañón. Canto máis lle vai custar á veciñanza de Lugo as decisións políticas deseñadas polos intereses privados?

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal