ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / ADEGA, pola conservación dos humidais e a flora...

26-02-2022

ADEGA, pola conservación dos humidais e a flora da Costa da Morte

ADEGA vén de poñer en marcha o proxecto medioambiental ‘Voluntariado ambiental para a conservación dos humidais e da flora da Costa da Morte’, co apoio de CaixaBank a través da ‘Convocatoria de Medioambiente 2021’. Con esta iniciativa, dá continuidade ao traballo que desenvolve desde hai anos a través de accións como a creación de Microrreservas de Flora para a preservación destes tesouros ambientais.

A cidadanía é garante da conservación da biodiversidade

A participación activa da cidadanía é un eixo esencial deste proxecto xa que ela é garante da conservación da biodiversidade, polo que se buscará incrementar o seu coñecemento e empatía co territorio. Con este obxectivo, levaranse a cabo actividades abertas ao público xeral tales como a eliminación de especias invasoras e limpeza de praias, saídas de campo guiadas ou varios bioblitz (eventos participativos de ciencia cidadá para rexistrar tantas especies como sexa posible nun lugar e durante un tempo determinados).

Ademais, como parte deste proxecto, ADEGA editará un tríptico sobre os hábitats e a diversidade da Costa da Morte e realizará xornadas formativas sobre as microrreservas da zona con persoal técnico ligado ás zonas de actuación.

Convocatoria de Medioambiente 2021

O obxectivo da ‘Convocatoria de Medioambiente 2021’, posta en marcha por CaixaBank, é impulsar iniciativas que busquen mellorar o patrimonio natural a través da protección da biodiversidade, a innovación ambiental e a loita contra a despoboación.

En 2021, a entidade incorporou ás súas liñas de Acción Social o lanzamento de convocatorias ambientais en colaboración con fundacións con profundo arraigamento en dez comunidades autónomas, así como convocatorias ambientais no resto do territorio nacional.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal