ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O Ministerio incumpre a súa propia moratoria para...

08-02-2022

O Ministerio incumpre a súa propia moratoria para a instalación de parques eólicos mariños nas costas galegas

En xuño de 2021 o Ministerio acordou paralisar a admisión de novos parques eólicos mariños mentras non se aprobara un marco nomativo propio para o sector. Porén, en novembro pasado ano admitíu a trámite o parque eólico mariño "Nordés" de 1,2 GW con 80 aeroxeradores de 15 MW cada un fronte á costa ártabra, promovido por dúas empresas do sector enerxético e de investimentos de capital internacional.

A febre do megawatio mariño atópase cun sector sen regulamentar

Parque eólico

O desenvolvemento da enerxía eólica mariña no Estado español carece dunha planificación propia. Tan só o RD 1028/2007 establece os requisitos administrativos, mais non existe unha regulamentación sectorial propia que estableza as áreas aptas, as condicións de desenvolvemento, ou os criterios de exclusión, entre outros condicionantes. Unicamente no POEM (Plano de Ordenamento do Espazo marítimo), aínda en tramitación, hai referenzas entre moitas outras actividades, ao desenvolvemento da eólica mariña nos mares do Estado.
ADEGA ten reclamado ao Ministerio que cando cando menos a xeración de enerxías renovábeis no mar (cando non a eólica en exclusiva) conte cunha planificación e desenvolvemento normativo axeitado, como establece a "Folla de ruta da eólica mariña e as enerxías do mar en España" aprobada o pasado 10 de decembro.

Unha "moratoria" que nin empresas nin administración toman en serio

En resposta ao expresado por numerosas organizacións na fase de consulta pública da "Folla de ruta da eólica mariña e as enerxías do mar en España" e ante a ameaza dunha avalancha de proxectos que condicionarían o desenvolvento racional do sector, aínda sen planificación, o Ministerio decretou unha "moratoria" através dunha norma sobre a fiscalidade enerxética e da auga.
Foi no "Real Decreto-ley 12/2021, de 24 de junio, por el que se adoptan medidas urgentes en el ámbito de la fiscalidad energética y en materia de generación de energía, y sobre gestión del canon de regulación y de la tarifa de utilización del agua", en cuxa disposición adicional terceira pode lerse:

Disposición adicional terceira. Solicitudes de autorización administrativa de instalacións presentadas ao abeiro do Real decreto 1028/2007, do 20 de xuño, polo que se establece o procedemento administrativo para a tramitación das solicitudes de autorización de instalacións de xeración de enerxía eléctrica no mar territorial:

1. Desde a entrada en vigor deste real decreto lei, e ata a aprobación polo Goberno dun novo marco normativo das instalacións de xeración de enerxía eléctrica no mar territorial, non se admitirán novas solicitudes de superficie de reserva de instalacións de xeración eólica mariña no marco do procedemento establecido no título II do Real decreto 1028/2007, do 20 de xuño.

2. Tampouco se admitirán novas solicitudes de autorización administrativa de instalacións de xeración eólica mariña ao abeiro do disposto no artigo 32 do Real decreto 1028/2007, do 20 de xuño.
Aquelas solicitudes de autorización administrativa presentadas con anterioridade á entrada en vigor desta disposición adicional continuarán a tramitarse segundo o disposto no Real decreto 1028/2007, do 20 de xuño.


3. Exceptúanse do disposto no apartado 2 as novas solicitudes de autorización administrativa para aquelas instalacións de xeración eólica mariña que xa dispoñan de autorización administrativa previa ou asociadas á creación ou ampliación de infraestruturas de proba, demostración ou validación de prototipos e novas tecnoloxías asociadas á enerxía eólica mariña, incluída a infraestrutura de evacuación eléctrica necesaria, se é o caso. Para estes efectos, para acreditar que a actividade ten a consideración de investigación e desenvolvemento ou innovación tecnolóxica, deberá contar con informes que o acrediten do Ministerio de Ciencia e Innovación e do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), M.P.

Acontece que segundo figura da documentación a consulta pública, o parque eólico mariño "Nordés" foi admitido a trámite o 30 de novembro de 2021, máis de 5 meses despois de que entrara en vigor a "moratoria". E aínda que o texto da disposición adicional terceira pola que se establecía dita moratoria foi modificado posteriormente para incluir excepcións (apartado 3), o parque "Nordés" non cumpre os requisitos xa que non conta con autorización previa nen é unha instalación de investigación.

ADEGA esixe á administración do Estado que desbote tramitar esta e outras instalacións eólicas no mar de Galiza, en cumprimento das súas propias normas, até que non se aprobe un marco normativo específico para o sector. O contrario suporía lexitimar o filibusterismo eólico e consolidar unha desregulamentación de facto, como ten feito Núñez Feijóo en Galiza coa eólica terrestre.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal