ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Galiza, máis desprotexida, 10 anos despois da...

22-12-2021

Galiza, máis desprotexida, 10 anos despois da última ampliación frustrada da RN2000

Ampliación da Rede Natura 2000 suxerida en 2011 (laranxa) e espazos que figuraban na proposta de 2008 (amarelo). Fonte: ADEGA.

O día 22 de decembro de 2011, saía a exposición pública a última proposta de ampliación da Rede Natura 2000 para Galiza (1), un día despois de que Samuel Juárez, o daquela conselleiro do Medio Rural, a presentara no Parlamento de Galiza. Con isto deu comezo o procedemento de ampliación e actualización dos Lugares de Importancia Comunitaria 2000 da nosa terra. Curiosamente, Juárez, apenas aguantaría no cargo 13 días máis (2).

Naquel texto que agora cumpre unha década dicíase que “a Rede Natura 2000 en Galicia atópase actualmente composta por 16 zonas de especial protección para as aves (ZEPA) (…) e 59 lugares de importancia comunitaria (LIC), e que, en conxunto, ocupan unha superficie de 389.737 ha”, e engadía que “A actual lista de lugares de importancia comunitaria (LIC) en Galicia foi considerada como insuficiente por parte da Comisión Europea, polo que é preciso completar a aplicación en Galicia da Directiva 92/43/CEE (…)”, isto é, a célebre Directiva de Hábitats.

Grazas a esta proposta de ampliación, a Rede Natura 2000 de Galicia (LIC+ZEPA) pasaría a ter unha superficie total de 537.416 ha (incremento de 147.851 ha con respecto á “insuficiente” extensión dese momento), polo que se pasaría do 12,1% da proposta inicial (ano 1999) ao 15,2% protexido no territorio galego. Deste xeito, afirmábase que “A Consellería do Medio Rural dálle un pulo definitivo á conformación da Rede Natura 2000 de Galicia” (3).

Concluía afirmando que “é urxente iniciar os trámites para completar a rede Natura 2000 galega, e dar así cumprimento ao mandado da Comisión”, e anunciando a apertura de “un período de participación do público á proposta de ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia”. Porén, logo dese período de participación, a proposta foi descartada.

A especulación enerxética, favorecida pola falta de ampliación da Rede Natura

Mapa rexistro eólico de Galiza

Dez anos despois daquel 22 de decembro, as contas que facemos da ampliación de Rede Natura 2000 prometida son:

  • Novos LICs terrestres declarados: 0.
  • LICs terrestres ampliados: 0.
  • Novas ZEPAs terrestres declaradas: 0
  • ZEPAs terrestres ampliadas: 0

Así pois, a parte terrestre da Rede Natura 2000 en Galiza está, dez anos despois, tal e como se designou orixinalmente e, paradoxalmente, máis desprotexida que nunca.

A proposta de ampliación de 2011 non era máis que unha simplificación (sorprendente) da proposta de 2008, que supoñía a protección do 18% do territorio galego (4), como se pode ver na figura 1. Ficaron fóra en 2011 zonas de alto valor ecolóxico, como a Serra do Barbanza, o cordal de Montouto (Aranga/Guitiriz), a Ribeira Sacra norte, a serra do Larouco e boa parte das cabeceiras dos ríos Navia e Eo.

Non está demais comentar que, unha vez “desactivada” a proposta de ampliación de 2011, moitos dos espazos propostos para integrarse dentro da Rede Natura ficaron desamparados, e foron presa fácil da especulación enerxética e forestal.

Como se pode ver no mapa do rexistro eólico de Galiza (5), moitos dos puntos granates e amarelos (novos proxectos) coinciden con áreas propostas para a Rede Natura 2000 en 2008 e tamén en 2011, e que agora corren risco de ser invadidos pola actual vaga eólica. Entre os numerosos exemplos atopamos:

  • Cordal de Montouto
  • Alto Mandeo.
  • Serra da Grova e Altos de Toroña.
  • Noroeste de Valdeorras.

O eucalipto segue proliferando en Rede Natura 2000

Roza de matogueira e plantación de eucaliptos en Sobrado dos Monxes. Fonte: ADEGA.

Paralelamente, as plantacións de eucalipto medraron a un ritmo imparábel na metade norte de Galiza nos últimos anos, afectando a espazos que estaban incluídos na proposta de ampliación da Rede Natura en 2008 e tamén en 2011, como por exemplo: 

  • Brañas do Deo.
  • Serra da Cova da Serpe.
  • Alto Mera.
  • Cabeceiras do Eo e Navia.

Desde ADEGA, lembrámoslle á Xunta e á actual responsable da Consellaría de medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, que os obxectivos da designación dos espazos na Rede Natura son:
  • Protexer especies e hábitats,
  • Manter e restaurar ecosistemas,
  • Acadar unha agricultura e aproveitamento forestal sostible,
  • Chegar a un sistema de pesca sostible,
  • Acadar coa perda da biodiversidade global.
Acadar estes obxectivos é unha obriga das administracións que teñen competencia sobre dos territorios a conservar (6). No caso de Galiza, isto está moi lonxe de ser real, e o non cumprir a normativa ambiental podería ter consecuencias penais.

A falta de cumprimento dos obxectivos ambientais marcados pola UE por parte da Xunta de Galiza é un dos motivos que nos empuxa a demandar de xeito insistente moratorias reais e efectivas para as novas plantacións de eucaiiptos e a implantación de novos proxectos eólicos. Estes sectores están a proliferar de xeito caótico e descontrolado, nun territorio carente de ordenación e auspiciado nunha planificación sectorial obsoleta que pon en risco ecosistemas, hábitats e especies de interese comunitario e de especial valor para afrontarnos ao cambio climático, e que xa deberían formar parte da Rede Natura 2000 galega!

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal