Inicio / Novas / Educación ambiental / Bosque de ribeira, contaminación, depuración e...
05-12-2021
ADEGA organizou o pasado 2 de decembro unha xornada formativa chamada “Preservación e coidado dos nosos ríos e regatos. Limpezas Ecolóxicas”, na que se contou coa presenza de diferentes oradores/as expertos/as no coidado sostíbel do estado e preservación dos ecosistemas fluviais. Este foro complementou as distintas xornadas de limpeza de ríos con voluntariado que realizou ADEGA en diferentes treitos do Rego Carneiros e no Río Mesoiro da Coruña, no marco do convenio “ A Coruña por uns Ríos Limpos” asinado co Concello da A Coruña.
Maria J. Servia presentou a súa palestra sobre “Bosque de ribeira e servizos ecosistémicos: tamén en Coruña?” no que nos mostrou que os bosques de ribeira son elementos vertebradores da paisaxe cun notable interese cultural e recreativo, e cunha importacia biolóxica moi grande.
Manuel Soto falou sobre “Contaminación de ríos” na que nos explicou os diferentes tipos de contaminación das augas, o impacto dos vertidos e a situación e evolución nos ríos galegos.
Verónica Torrijos introduciunos na “Depuración ecolóxica de augas residuais. Do río ao mar” expoñendo as alternativas ecolóxicas coas que podemos resolver cuestións de vertido acordes á normativa e para a conservación dos ecosistemas acuáticos.
Paco Bañobre explicounos coa súa charla “O papel do voluntariado nas Limpezas de Río” cal é o verdadeiro papel do voluntariado neste tipo de actividades e a gran necesidade de formar a cidadanía sobre a correcta preservación dos ríos e regatos, xunto coa súa contorna.
Tras as palestras houbo un tempo de debate onde o público puido preguntar a súa inquietudes e falar máis extensamente sobre formas de coidar e protexer os efluentes.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal