Inicio / Novas / Educación ambiental / O voluntariado de ADEGA limpou treitos do Rego de...
04-12-2021
Durante os días 30 de novembro e 2 de decembro ADEGA realizou tres limpezas de ríos na cidade da Coruña. Concretamente dúas transcorreron no Rego de Carneiros, preto do Centro Cívico de Feáns, e a terceira tivo lugar no río de Mesoiro, na zona do polígono de Pocomaco. ADEGA puido realizar estas accións grazas á participación de voluntarias e voluntarios que acudiron ao chamado da asociación ecoloxista coincidindo coa Semana mundial do Voluntariado. E as accións foron executadas no marco de convenio “ A Coruña por uns Ríos Limpos” asinado co Concello da A Coruña neste 2021.
As xornadas comezaron cunha breve charla aos grupos participantes nas limpezas, na que ADEGA explicou como realizar unha limpeza ecolóxica dos ríos, respectando o medio ambiente e o ecosistema de ribeira. Lamentablemente, os ríos galegos seguen a ser puntos de vertedoiros en moitos lugares por iso con esta iniciativa queremos dar visibilidade a unha problemática da que cada vez a xente é máis consciente e amosar como dunha maneira ecolóxica podemos preservar en boas condicións os nosos ríos e regatos.
Nas limpezas realizadas na Coruña atopamos diferentes tipos de residuos destacando entre eles, as botellas de vidro, entullo de obra, material hixiénico sanitario e os sempre presentes, restos de plástico.
Agradecemos a participación das voluntarias e voluntarios que acudiron ao chamado á limpeza dos ríos coruñeses e agardamos vernos noutras edicións. Grazas!
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal