ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Custodia Fluvial no Ulla Umia e Lérez

27-01-2014

Custodia Fluvial no Ulla Umia e Lérez

Unha rede de cidadás e cidadáns para a custodia dos ríos

O pasado venres 24 de xaneiro ADEGA apresentou os resultados do proxecto “Custodia Fluvial no Ulla Umia Lérez” que decorreu entre os anos 2010-2013. O proxecto de Custodia Fluvial Ulla Umia Lérez é unha iniciativa que comezou no 2010 da man de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) e que contou con fondos LEADER polo FEADER, o Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño e o AGADER.  Esta iniciativa desenvolveuse no Grupo de Desenvolvemento Rural 20 (GDR20) que abrangue os concellos d´A Estrada, Caldas de Reis, Catoira, Cerdedo, Cuntis, Forcarei, Moraña, Pontecesures, Portas e Valga.

Durante as primeiras fases do proxecto asociacións e entidades de todo tipo participaron en diferentes actividades nos ríos dos seus concellos, nunha fase de achegamento, coñecendo os valores dos ecosistemas fluviais, así como as súas oportunidades e ameazas.

Unha vez coñecidos os ríos e aquelas asociacións con maior iniciativa presentaron propostas de proxectos a nivel local para poñer en valor os seus ecosistemas fluviais, mediante unha estratexia de conservación denominada custodia do territorio, máis especificamente neste caso Custodia Fluvial. Os proxectos escollidos foron os seguintes:

Muíños e Camiños na bacía do Ulla (A Estrada)

Un proxecto que pon en valor os antigos roteiros fluviais en tres afluentes do Ulla. Foron tres asociacións que recuperaron roteiros antigamente utilizados para poder acceder aos muíños.

Actuouse en tres ríos, baixo a coordinación de tres asociacións locais, así mesmo realizáronse traballos de eliminación de especies invasoras en varios lugares.

Asociación para a Defensa do Val de Liñares, no río Liñares. Esta asociación estableceu acordos de custodia cos veciños para eliminar unha mancha de mimosa nas marxes do río Liñares. Tamén se plantaron especies autóctonas de bosque de ribeira. Están previstas novas actuacións no futuro para conseguir eliminar esta mancha.

Asociación Cultural A Xesteira (As Nosas Músicas), no río Vea. Esta asociación recuperou un antigo roteiro no que se poden observar varios muíños. Tamén estableceron acordos ca veciñanza para limpeza e sinalización do camiño. Durante o proxecto realizáronse varias limpezas para eliminar numerosos entullos e lixo que había nalgúns puntos, tamén se eliminaron especies invasoras, e abriuse o antigo camiño. Durante estes traballos tamén se descubriu un antigo lavadoiro que estaba cuberto de vexetación.

Asociación Cultural Rego de Godoi, no rego de Godoi. Esta entidade tamén recuperou un pequeno roteiro que conectaba varios muíños da zona, e puxeron en valor un antigo lugar onde se lavaba o liño.

Todas as actuacións foron sinalizadas con balizas e paneis interpretativos onde se destacaban os valores culturais e naturais dos ríos e arredores.

Arredor da Auga (Cuntis)

Neste caso a iniciativa foi unha idea da Asociación  Cultural O Fervedoiro de Cuntis. Trátase da posta en valor do patrimonio etnográfico fluvial do concello ao seu paso pola vila do Baño así como no Lugar de Meira. Recuperáronse os antigos pasos que cruzaban o río Gallo a altura de Meira, empregados polos veciños e veciñas do lugar, pero que dende facía anos estaban deitados no leito do río. Con axuda de canteiros da zona levantáronse, e agora é posible volver a cruzar o río Gallo.

Unha grande parte do proxecto céntrase na recuperación e posta en valor dos singulares lavadoiros fluviais que se dispoñen ao longo do río Gallo, ao seu paso pola vila do Baño. Os numerosos lavadoiros eran empregados polas as mulleres, tanto para uso privado, como para realizar o oficio de lavandeira. Hainos moi humildes, provistos dun só mazadoiro (lousa de pedra onde se refrega a barrela ou roupa sucia), e outros máis elaborados con recintos totalmente delimitados, portas e escaleiras para chegar ao nivel do río. Estes elementos son únicos en Galiza, tanto polo número deles como polas súas características. 

Realizáronse labores de limpeza en varios destes lavadoiros e procedeuse á recuperación dun deles. Tamén neste proxecto houbo unha sinalización do roteiro e instalacións dos paneis interpretativos que axudan a coñecer máis sobre o río, os elementos etnográficos e a natureza que os rodea.







Pesca sostible na bacía do Lérez (Forcarei)

Esta iniciativa desenvolveuse no concello de Forcarei por iniciativa e colaboración de varias entidades:
Sociedade de Caza e Pesca de Forcarei; a
Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Presqueiras; Asociación Cultural Pataqueiros de Millerada e Asociación de Mozos/as de Forcarei  

Ten dúas partes diferenciadas pero á súa vez complementarias que teñen como obxectivo conservar as poboacións piscícolas do Lérez e os seus afluentes A  primeira foi a creación dun Tramo de pesca sen morte na parte alta do río Lérez para sumarse aos poucos ríos do país protexidos por unha práctica de pesca sostible. Para o establecemento dun tramo de pesca sen morte envióuselle unha petición ao comité provincial de pesca e concertouse unha reunión coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Máis tarde o equipo técnico da Dirección Xeral desprazouse ata o río para facer unha visita do tramo coas entidades participantes no proxecto.   O 26 de decembro de 2012 publicouse a orde de vedas para o ano 2013. Grazas á vontade e axuda da Sociedade de Caza e Pesca de Forcarei e a Comunidade de Montes de Presqueiras hai un novo treito de pesca sen morte no río Lérez, cunha lonxitude de 4,9 km, o maior da provincia de Pontevedra.  

Por outra banda, o proxecto ten como obxectivo a recuperación de levadas de muíños, que servirán (alén de para a recuperación do patrimonio etnográfico da zona) como lugares de descanso e alevinaxe para especies de peixes da zona, o que axudará á recuperación das poboacións. Estas levadas atópanse no río Castro.

Neste río, a primeira das accións previstas foi a recuperación de dúas canles de antigos muíños (hoxe en desuso) para a mellora das comunidades piscícolas da zona ea  recuperación do patrimonio etnográfico dese lugar (marxe dereita e esquerda), ao longo duns 250 m aproximadamente. 

Outra actuación neste río foi a limpeza e posta en valor dunha antiga canle de regadío que se sitúa tamén no río Castro e que ten unha lonxitude aproximada de dous quilómetros. Este rego posúe unha estrutura de pedra de importante valor etnográfico con muros de varios metros de altura que se estende ao longo do canón do río Castro.

Tamén neste proxecto se colocaron paneis interpretativos para informar das actuacións realizadas.

Dende ADEGA queremos agradecer a dedicación e esforzo de todas as entidades participantes no proxecto que foron as verdadeiras protagonistas.

ADEGA editou un caderniño resume onde se describen as actuacións desenvolvidas neste proxecto. Se estás interesada podes pedir un exemplar no correo lucia@adega.gal

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal