ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA dá os primeiros pasos para xudicialización...

30-09-2021

ADEGA dá os primeiros pasos para xudicialización da desfeita eólica

ADEGA vén de presentar dous recursos de alzada contra senllos parques eólicos de Greenalia (Bustelo e Monte Toural) recén aprobados pola Xunta. Son como moitos outros, exemplo de fragmentación artificial e danos a especies ameazadas e se a Xunta non recúa, acabarán no contencioso.

Unha fragmentación artificial para beneficiarse das prebendas de Feijóo e obviar o impacto conxunto

As instalacións dos parques eólicos “Bustelo” e "Monte Toural" promovidas por Greenalia sitúanse na contorna da Braña Rubia-Lagoa de Alcaián e nas proximidades do Monte Castelo. Nesta reducida área atópanse en tramitación outro parque eólico “Campelo”, tamén promovido pola empresa da ex-conselleira Beatriz Mato.
Son tres parques da mesma promotora, que coinciden na mesma área xeográfica e partillan infraestruturas -liñas de evacuación, accesos e estación transformadora-. Son portanto, un mesmo parque eólico despezado en 3, para non superaren individualmente os 50MW de potencia e consecuentemente, seren tramitados pola Xunta.

Esta práctica fraudulenta persegue por unha banda acollerse ás vantaxes na tramitación administrativa derivadas da declaración de “interese especial” consonte a Lei 5/2017 de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (alcumada "Lei de Depredación"), declaración que as tres instalacións citadas xa acadaron mediante Resolución do 27 de abril de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.
Por outra banda, a fragmentación dun mesmo proxecto en varias partes pretende tamén evitar unha axeitada avaliación ambiental ao ignorar os efectos sinérxicos causados polo conxunto dos proxectos sobre os hábitats, especies, paisaxes, patrimonio, recursos e servizos ecosistémicos presentes nas áreas de desenvolvemento eólico atinxidas.

Este feito, xunto coas evidentes vantaxes administrativas (redución de prazos, tramitación prioritaria e prevalencia da utilidade pública) que para a empresa supón a interesada fragmentación en tres proxectos, lesiona o exercicio dos dereitos cidadás de información e participación pública, perxudicando aos intereses xerais e mesmo aos particulares, ao mermarse a capacidade de resposta e de negociación coa promotora.

Impactos sobre especies endémicas en perigo de extinción, asumibles para a Xunta

As obras destes tres parques eólicos afectan tamén a especies vulnerábeis e en perigo de extinción (Decreto 88/2007 do 19 de abril polo que se  regula o Catálogo Galego de especies Ameazadas), e mesmo a endemismos botánicos únicos. Trátase da Lycopediella inundata (en perigo de extinción), a Euphorbia uliginosa (en perigo de extinción), a Spiranthes aestivalis (vulnerábel) ou a Centaurea ultreiae (en perigo de extinción).  Hai xa precedentes de danos a esta especies protexidas na contorna da Braña Rubia pola apertura dunha pista en 2016, denunciados no seu momento por ADEGA.

Particular atención merece a Centaurea ultreiae Silva Pando. Esta planta é un endemismo galego cuxa poboación mundial total está composta por 6.821 individuos en perigo crítico de extinción (Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España, 2004) distribuídos en dúas cuadrículas de 10x10 km arredor do Monte Castelo e acontorna da Braña Rubia-Lagoa de Alcaián (ver mapa).

As principais ameazas sobre esta especie proveñen da fragmentación dos seus hábitats e da transformación do substrato. As medidas de conservación apontadas nos catálogos oficiais pasan pola restrición dos usos do territorio e o mantemento das actividades tradicionais e pouco agresivas evitando a apertura de novas pistas e viais. Precisamente as obras dos parques (pistas, gabias, liñas de evacuación eléctrica, estacións de control e transformación, etc.) suporán un risco certo de destrución do hábitat e de exemplares desta especie protexida.
Esta circunstancia é asumida pola empresa que, malia a descartar nos primeiros Estudos de Impacto a afección á Centaurea ultreiae, finalmente e logo de modificados, recoñeceu "unha posible afección sobre algún exemplar durante as obras dos outros proxectos que ten previsto executar na mesma contorna (PE Monte Toural, PE Campelo e LAT Campelo-Mesón)". Aínda así a Xunta deu por boas as medidas compensatorias e autorizoulle os parques a Greenalia...

Para "axustar" os seus proxectos Greenalia contou ademais con información privilexiada: as memorias técnicas do "Plan integral de recuperación e conservación das especies vexetais en perigo de extinción da zona de Bergantiños (Centaurea ultreiae Silva Pando e Euphorbia polygalifolia Welw. ExBoiss)", documentos non públicos entregados en 2010 para a protección destas especies e que a Xunta aínda non aprobou 11 anos despois.

Presunta fragmentación artificial, danos a especies en perigo. tramitación fraudulenta, uso de información privilexiada, trato de favor... Hai razóns máis que suficientes para acudir nestes casos á vía xudicial, se como semella a Xunta vai manter a súa vontade de autorizalos. E hai outros parques eólicos en parecidas circunstancias contra os que dende ADEGA tentaremos actuar na medida das nosas posibilidades, logo de rematada a vía administrativa.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal