04-05-2021
O pasado sábado día 24 de abril, uns veciños da zona deron a voz de alarma ao localizar un novo vertido ao río Valiñas, que procedía das obras da gasolineira que están a construír en Ledoño, nunha parcela a seis metros do afluente do río Mero, provocando a turbidez da auga.
Cabe destacar, que Augas de Galicia xa abriu un expediente sancionador á empresa promotora da obra por varias verteduras na mesma localización cunha drenaxe ilegal ao río, no mes de xaneiro deste ano 2021. Esta drenaxe non foi retirada ou cortada e os vertidos seguen sucedendo; provocando un grave problema á fauna e á flora do río Valiñas, xa que consisten en altas concentracións de sólidos en suspensión e que traen como consecuencia mortaldades de plantas, algas, peixes e invertebrados acuáticos.
O Colectivo das Pedras Galladas, Adega e outras asociacións ecoloxistas e veciñais, teñen reclamado a paralización da obra e a revogación da autorización e da licenza da mesma a Augas de Galicia e ao Concello de Culleredo polos continuos vertidos, e considerando que unha estación de servizo con depósitos de hidrocarburos soterrados e nunha zona inundable a carón dun río, é un perigo para o ecosistema fluvial polo risco de verteduras, como xa se leva demostrado durante a súa construción nos últimos meses.
É, polo tanto, flagrante a irresponsabilidade da empresa promotora co medio ambiente, posto que estando estas obras nun estado inicial (escavacións e recheo con áridos), os vertidos contaminantes están tendo lugar de forma regular e sen control. Que pasará cando a gasolineira estea rematada e a funcionar?
Por todo isto, o Colectivo das Pedras Galladas e ADEGA solicitan a paralización inmediata das obras e a restauración da vexetación de ribeira destruída polas mesmas. Do mesmo xeito, agardan que Augas de Galicia incoe novamente un expediente sancionador e piden a revisión da autorización da obra para esta construción que ameaza o río Valiñas e a súa contorna.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal