ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA reclama ao Concello de Lugo a recuperación...

05-04-2021

ADEGA reclama ao Concello de Lugo a recuperación do curso fluvial afectado polo proxecto do paso soterrado baixo a NVI

ADEGA vén de presentar no Concello de Lugo e a Confederación Hidrográfica Miño Sil,  alegacións ao proxecto “Prolongación do paso soterrado baixo a N-VI redactado pola empresa Inca Servicios y Proyectos de Ingeniería Civil S.L., e promovido polo Concello de Lugo, incluído dentro da estratexia Da Muralla ao Miño Muramiñae.

O proxecto presentado e aprobado, define a estrutura necesaria para ampliar o paso baixo a N-VI e a pavimentación e iluminación dos seus camiños de acceso, mantendo a mesma situación do curso fluvial, entubado baixo os camiños, canalizándoo no paso baixo a N-VI.

Non entendemos como un proxecto dentro dunha estratexia de desenvolvemento urbano sostible e integral non ten en conta a lexislación ambiental vixente, e trata o treito do curso fluvial como unha simple cuneta de formigón sen respectar o trazado natural do regato, os ecosistemas e a súa biodiversidade, nin a paisaxe. 

Bótanse especialmente de menos uns obxectivos e unha sensibilidade ambiental e paisaxística capaces de “sacar partido” á existencia dun recurso natural vivo –curso fluvial- como oportunidade para desenvolver unha actuación con valor paisaxístico que permitira restaurar e revalorizar todo o treito fluvial alterado e a biodiversidade vencellada ao mesmo.

Dende ADEGA reclamamos ao goberno deste municipio o necesario grao de conciencia ambiental, de xeito que calquera presente e futuro proxecto incidente na rede fluvial municipal, promovido ou que teña que informar o Concello de Lugo, se ateña á normativa vixente e se aproveite para poñer en valor, dende o punto de vista ambiental e paisaxístico, os treitos fluviais afectados, para o que reclamamos tamén que se dote aos correspondentes servizos técnicos municipais da capacitación e sensibilidade ambiental necesarias, e reconsidere a categoría moral das empresas coas que asina contratos e ás que lles cede a xestión dos nosos recursos naturais.

Preguntámonos por que o Concello sigue actuando con total indulxencia con INCA, empresa que ata o momento só ten demostrado que despreza os bens públicos municipais e o noso patrimonio natural.


Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal