ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Xunta deixa caducar o trámite de extinción dun...

18-12-2020

A Xunta deixa caducar o trámite de extinción dun encoro de 1899 no río Verdugo

120 anos non son suficientes para que NATURGY siga a facer caixa cos nosos ríos


ADEGA e A Rente do Chan-PLADEVER (Plataforma pola defensa do río Verdugo) vimos de coñecer que a Xunta declarou a caducidade e arquivou os trámites para extinguir a concesión do aproveitamento hidroeléctrico de Ponte Inferno, no río Verdugo. O motivo argumentado por Augas de Galiza é que ela mesma non resolveu no prazo legalmente establecido (18 meses) o expediente de caducidade deste encoro, cuxa concesión rematou en abril de 2017.

O aproveitamento hidroeléctrico de Ponte Inferno no río Verdugo data do 20 de setembro de 1899. Dende aquela á actualidade sufríu varias modifcacións que produciron alongamentos do prazo concesional que finalmente rematou en 2017, 118 anos despois do seu outorgamento. O actual titular da instalación é NATURGY WIND SL.
Durante o último prazo concesional o encoro de Ponte Inferno foi obxecto ademais de numerosas denuncias e expedientes de "regularización" por incumprimento dos caudais ecolóxicos ou deficiencias nos sistemas de remonte de peixes, entre outras irregularidades que a día de hoxe seguen sen subsanarse.

A reclamación da extinción da concesión iniciouse cunha petición de PLADEVER en outubro de 2018, que deu lugar a que en decembro dese ano Augas de Galiza abrira un expediente de extinción por esgotamento do prazo concesional. Rapidamente (xaneiro de 2019) NATURGY presentou alegacións ás que os ecoloxistas respostamos (marzo de 2019) esixindo o precintado cautelar do encoro. Inexplicabelmente, a administración deixou pasar máis de 8 meses (até novembro de 2019) para mover un papel, e outros 7 meses máis (até xuño de 2020) para emitir o informe, xusto 10 días despois de que por lei caducara o trámite de extinción... 

Mesmo tendo en conta a suspensión dos prazos administrativos (dende mediados de marzo a xuño de 2020) causada pola pandemia, a mediados de novembro deste ano, dous anos despois de iniciarse o procedemento, os trámites aínda non estaban concluídos. Agora o procedemento deberá comezar de novo, feito que interesaremos dende ADEGA e PLADEVER, por se Augas de Galiza “esquece” facelo de oficio. E mentras, NATURGY seguirá curtocircuitando o río Verdugo e facendo caixa cun aproveitamento hidroeléctrico que data do século XIX.

Na mesma situación poderían atoparse tamén outros 4 expedientes de extinción de concesións, con prazos mesmo anteriores: 2 máis de NATURGY nos ríos Lambre e Anllóns e outros 2 de ENEL GREEN POWER ESPAÑA SL nos ríos Vexo e Mandeo.

Dende ADEGA e PLADEVER consideramos escandaloso o proceder da administración hidráulica neste caso. Resulta inxustificábel semellante demora en resolver o expediente dunha concesión administrativa que hai anos debera estar caducada e restituído o río afectado. Tales demoras non son infrecuentes no proceder da Xunta e curiosamente adoitan beneficiar os intereses das concesionarias. Mentres Núñez Feijóo teima en eliminar e “simplificar” trámites administrativos para beneficiar a actividade empresarial, o seu goberno non ten présa en tramitar a recuperación das concesións hidroeléctricas. Todo sexa por beneficiar a determinados lobbys empresariais a costa dos dereitos da cidadanía e do ambiente.

Máis información:
Fins Eirexas (ADEGA): 981570099
Fernando Malvar (A rente do chan - PLADEVER): 633180625

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal