Inicio / Novas / Educación ambiental / O Río Sarela, obxecto de estudo no proxecto...
21-12-2020
No día de hoxe, a asociación ecoloxista ADEGA e o centro de ensino ”IES Arcebispo Xelmírez I” de Santiago de Compostela acudirán ao ríos Sarela para desenvolver actividades de concienciación ambiental no marco do proxecto europeo LivingRiver. O alumnado, baixo a coordinación de ADEGA, tratará de avaliar a calidade ambiental da contorna do río Sarela, realizando unha investigación máis a fondo dun treito no que se estudarán diferentes parámetros biolóxicos, ademais de pescudar sobre os diferentes usos ou aproveitamentos que tivo este curso fluvial ao longo dos últimos anos. O obxectivo é facer unha aproximación ao estado ambiental do río Sarela e aos usos que lle outorgou a veciñanza compostelá ao longo da historia.
A actividade, que dará comezo ás 10:30 e rematará ás 14:30, estará coordinada por ADEGA, e estará destinada ao alumnado e profesorado implicados no proxecto. Con ela iniciarase unha serie de experimentos que rematarán ao final da primavera de 2021. Os resultados acadados serán expostos nun Ecomuseo Virtual, que será de libre acceso para o público xeral e que actualmente está en fase de construción.
A actividade desenvolverase en dúas quendas para respectar a normativa vixente ante a Covid-19.
Cúmprense agora dous anos desde que a asociación ecoloxista ADEGA participa no Proxecto Europeo denominado “LivingRiver”, destinado a concienciar a cidadanía europea sobre o coidado e protección da vida e cultura nos nosos ríos e regatos. Neste proxecto internacional, que está financiado e soportado polo programa Erasmus+, compartimos obxectivos con 7 entidades de catro países membros da Unión Europea: A Asociación Portuguesa de Educación Ambiental (ASPEA), a Universidade de Coimbra e a Universidade Nova de Lisboa, de Portugal; IES Ribeira de Louro e ADEGA, de Galiza; Axencia Metropolitana Pentru Dezvoltare Durabila Brasov, de Romanía; Balikesir Universidade, de Turquía. A metodoloxía científica do proxecto Living River aplicarase nestes catro países a través dos centros de ensino colaboradores, onde se realizará o método de investigación histórica e biolóxica para demostrar a riqueza e importancia dos ríos europeos.
Santiago de Compostela tamén acolleu en maio de 2019 o segundo foro de discusión das entidades socias do proxecto europeo Living River.
Para máis información: Itziar Díaz
Correo: itziar@adega.gal
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal