ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA e Salvemos O Iribio celebran a demoledora...

16-12-2020

ADEGA e Salvemos O Iribio celebran a demoledora sentenza do TSXG que anula o PE Serra do Iribio

A Sección 3ª de contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de anular e deixar sen efecto “por non ser acorde a dereito” o Acordo do Consello da Xunta do 27 de xuño de 2019 polo que se aproba a modificación definitiva do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Parque eólico Serra do Iribio, así como as súas disposicións normativas. Con este fallo o Tribunal admite a trámite e resolve os tres recursos contenciosos-administrativos presentados hai agora máis dun ano contra tal resolución polas entidades ecoloxistas ADEGA, Fundación Oso Pardo, Petón do Lobo, Sociedade Galega de Ornitoloxía e Verdegaia, en representación de todas as entidades e colectivos que conforman a plataforma “Salvemos O Iribio”.

Salvemos O Iribio aplaude a sentenza do TSXG, que cualifica de “demoledora” por canto confirma e fai seus a maior parte dos argumentos nos que as entidades recorrentes fundamentaron xuridicamente a ilegalidade do proxecto eólico aprobado en xuño de 2019 por acordo do Consello da Xunta, presentado como modificación dun proxecto anterior aprobado en 2007 que nunca se chegou a executar. Durante os últimos 15 anos, a Xunta permitiu que a ameaza deste proxecto eólico pairase sobre a Serra do Iribio situada nun espazo natural protexido como ZEC Ancares-Courel, Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, zona de Rede Natura, BIC Camiño de Santiago e agora tamén Reserva da Biosfera Ribeira Sacra-Serra do Oribio e Área de Especial Interese Paisaxístico (AEIP).

A plataforma considera que o recente fallo do TSXG é un paso definitivo cara a liberación deste espazo natural protexido do proxecto eólico e das infraestruturas asociadas promovidas por Fergo Galicia Vento SL entre os termos municipais de Samos e Triacastela, podendo constituír un moi bo precedente para a defensa dos espazos naturais que forman parte da Rede Natura 2000 e que se podan ver afectados directa ou indirectamente por proxectos eólicos e outras industrias.

A sentenza supón unha nova labazada legal ao executivo de Alberto Núñez Feijóo e ao órgano substantivo que tramitou a modificación do proxecto ao fronte do recentemente cesado director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces. O Tribunal Superior, non só invalida de plano toda a tramitación da modificación do proxecto PE Serra do Oribio, que incorre na prohibición de parques eólicos en Rede Natura, senón de ademais declara caducos tanto o proxecto eólico do Iribio aprobado en 2007, como a súa Declaración de Impacto Ambiental de 2005, polo que espeta “non se pode modificar o que non existe”. Ademais, este xa é o segundo varapau xudicial que reciben os promotores do PE do Iribio por parte do TSXG, logo de que en outubro do ano pasado admitise a petición de medidas cautelares solicitadas por Salvemos O Iribio, obrigando a Dirección Xeral de Industria da Xunta a paralizar cautelarmente as obras do parque e a deixar sen efecto temporal todas as actuacións administrativas vinculadas ao Acordo do Consello da Xunta agora anulado.

Malia que o fallo  aínda pode ser recorrido en casación, a plataforma Salvemos O Iribio considérao un éxito sen precedentes na defensa dos espazos naturais protexidos de Galiza e contra un modelo de implantación eólica que atenta contra o interese colectivo e depreda os recursos naturais. Salvemos O Iribio continuará a batalla xudicial ata acadar a anulación definitiva do proxecto eólico e esixirá que, na medida do posible, se repoña o espazo afectado ao seu estado primitivo, así como a reparación dos danos xa exercidos polas obras de Fergo Galicia Vento SL contra o patrimonio natural e cultural da Serra do Iribio. Así mesmo, reclama a depuración de responsabilidades no seo da administración pública autonómica por incumprir a lexislación vixente e favorecer a destrución dun espazo natural protexido, no que xa parte dos seus valores naturais e culturais protexidos foron danados.

O proxecto de 2018: un novo parque eólico sen avaliación ambiental

Tal e como mantén Salvemos O Iribio, o fallo xudicial confirma que o proxecto eólico Serra do Oribio aprobado polo Consello da Xunta en 2019 non se trata dunha modificación dun proxecto precedente e existente, senón dun novo proxecto que nada ten a ver co aprobado en 2007 e que, por tanto, non foi sometido a avaliación ambiental nin dispón de Declaración de Impacto Ambiental. Así pois, o proxecto eólico aprobado hai 13 anos xa estaría caduco, ao non ter sido executado, nin sequera iniciado, no prazo de 12 meses a partir da ocupación dos terreos. Tamén reafirma a posición das entidades recorrentes ao declarar obsoleta a Declaración de Impacto ambiental aprobada en 2005, e sobre a que a Xunta pretendía xustificar a viabilidade ambiental do proxecto modificado. O tribunal argúe que a DIA de 2005 xa tería caducado 5 anos despois de ser aprobada, en aplicación supletoria da normativa estatal de avaliación ambiental de 2008, e ante a ausencia dunha norma galega que fixase o prazo de vixencia.

Prevaleza do valor ambiental sobre o uso industrial

A sentenza aplica con contundencia os principios do Dereito ambiental comunitario e os desenvolvementos xurisprudenciais do Tribunal Supremo, que esixen unha interpretación restritiva das excepcións ao réxime xeral. Pon de relevo a importancia ambiental do espazo afectado, recoñecido como ZEC e ZEPVN Ancares-Courel e zona de Rede Natura 2000  e amparado pola lexislación europea, estatal e galega, polo que neste caso “debe prevalecer o valor medioambiental sobre o uso ou desenvolvemento industrial” do espazo. Avala tamén as teses das entidades recorrentes ao confirmar que a Xunta de Galiza incumpriu a Directiva europea 92/43/CEE relativa á protección de hábitats e especies de importancia comunitaria e o Plan Director de Rede Natura que ela mesma aprobou en 2014, ao autorizar un novo parque eólico nun espazo de Rede Natura, algo expresamente prohibido polo artigo 60.3 desta norma.

Modificación significativa do proxecto e obriga de consulta pública

O tribunal tamén suxire que a modificación das características técnicas do proxecto eólico Serra do Iribio formulados pola promotora suporían cambios significativos da 1ª fase do proxecto aprobado en canto á mudanza do modelo de aeroxeradores (con maior diámetro de rotor e altura) ou á ampliación dos viais e accesos, “cos conseguintes efectos ambientais e paisaxísticos”. Polo que unha modificación deste calibre obrigaría á Xunta a sometela a consulta pública, en cumprimento do Convenio de Aarhus e das Directivas EIA e EAE, e a unha nova avaliación do impacto ambiental, contrariando así a actuación da Xunta, que consideraba tal modificación como “non substancial”.

Ademais, a sentenza anula o intento da Administración de reverter os avances na protección ambiental querendo aplicar sucesivas excepcións e prórrogas a un proxecto que vai claramente en contra da normativa vixente desde hai anos.  No suposto de querer manter vixente a DIA aprobada ante a aparición de novas normativas e figuras legais que reforzan a importancia da Serra do Iribio na preservación da paisaxe, da biodiversidade e na coherencia da Rede Natura, a Xunta debería tela sometida a unha modificación, ben de oficio ou a instancias da promotora. Porén, engade que o proxecto eólico de 2018 impulsado por Fergo, ao ser un novo proxecto, estaría obrigado a pasar tamén por un novo proceso de avaliación ambiental e “a Consellaría debería emitir unha nova DIA”, atendendo aos valores ambientais e paisaxísticos actualmente recoñecidos na zona: ZEC, ZEPVN, zona de Rede Natura, área potencial no Plan de Recuperación do Oso Pardo Cantábrico, Reserva da Biosfera Ribeira Sacra-Serra do Oribio, etc. Así pois, conclúe a sentenza que “a integración paisaxística e o aumento considerable do diámetro do rotor e altura dos aeroxeradores non son compatibles co BIC Camiño de Santiago Francés nin coa ZEC Ancares-Courel”.

O TSXG cuestiona a planificación e normativa sectorial vixente en materia eólica

Finalmente, a sentenza do TSXG fai unha profunda crítica do actual marco lexislativo relativo ao desenvolvemento e planificación da enerxía eólica, que de ser firme, podería condicionar a instalación de novos proxectos eólicos que afecten directa ou indirectamente a espazos de Rede Natura 2000. Destaca a existencia dun “baleiro legal en materia ambiental” na lexislación sectorial que “tende a recibir unha interpretación tremendamente produtivista por parte da administración competente en enerxía”. Así mesmo, acusa á administración pública de fomentar un discurso “pseudoecoloxista” e contraditorio sobre a súa planificación en materia de enerxías renovables, que “non acaba de incorporar, como eixo central a variable ambiental, prexudicando a percepción social sobre o uso das enerxías renovables”. Por último, insta a planificar a enerxía eólica evitando toda posible interferencia na ampliación da Rede Natura, salvando o impacto visual dos parques eólicos nas proximidades do LIC (Lugar de interese comunitario), sen que estes podan situarse nos espazos propostos para a ampliación da Rede Natura ou rodear os lindes dos espazos protexidos. Tales argumentos teñen especial relevancia neste momento no que cabe analizar con detalle a implantación das enerxías renovables neste e noutros territorios e se os proxectos cumpren escrupulosamente cos requirimentos ambientais.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal