17-11-2020
O TSXG vén de confirmar a sentenza pola que o Concello de Lugo ten que pagar á empresa INCA 2,47 millóns de euros por non ter solicitado en prazo a prórroga para a execución das obras na fábrica da luz ante a Confederación Hidrográfica Miño Sil.
Malia que as obras dende o principio foron ilegais e o Concello tivo a oportunidade de rescindir o contrato coa empresa de Miguel García Gesto, o Goberno local posicionouse do lado da empresa, facendo caso omiso das solicitudes feitas pola plataforma Lugo de Cara ao Miño da que ADEGA forma parte.
É preciso facer unha lembranza de todas as actuacións levadas a cabo tanto pola empresa como polo Concello de Lugo, nas que nós como cidadás lucenses tratamos de salvagardar e protexer os valores ambientais do Río Miño, fronte as actuacións dunha empresa, que dende o primeiro momento foron ilegais. E foron Ilegais porque nin se construiu a ataguía onde se indicaba no proxecto, nin cumplía o establecido na Declaración de Impacto Ambiental (DIA), nin a Avaliación de Impacto Ambiental contemplaba as especies protexidas e en perigo de extinción que habitan nese treito do río, nin contaba coa autorización expresa e preceptiva da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e sen o permiso, tamén preceptivo, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, organismo que tutela a conservación do espazo natural protexido como ZEPVN e Rede Natura 2000, saltándose, por conseguinte, a Lei de Augas de Dominio Público Hidráulico e a Lei 9/2001 de Conservación da Natureza, tendo como resultado o expediente sancionador incoado contra o Concello de Lugo e a empresa INCA polo Ministerio de Medioambiente.
A empresa fixo caso omiso da paralización das obras por parte da Confederación Hidrográfica Miño Sil, e continuou as obras. Realizáronse concentracións para que a empresa cumplira o marcado pola CHMS, cuxo resultado foi a denuncia penal presentada pola empresa a varias das integrantes da plataforma. Máis adiante a empresa volveu a denunciar ás activistas, pero finalmente o tempo demostrou que tíñamos razón, e en todos os casos foron absoltas como era de agardar.
Ante a actitude belixerante da empresa INCA contra as veciñas de Lugo, solicitamos ao Concello de Lugo en varias ocasións, a reconsiderar de novo, non só a rescisión do contrato coa mercantil, senón tamén a categoría moral das empresas coas que asina contratos e ás que lles cede a xestión dos nosos recursos naturais.
Resulta paradóxico que os veciños e veciñas comprometidas cos bens públicos do concello e que vixían o cumprimento da legalidade vixente, sexan por riba os que se denostara e castigara publicamente, cando deberían ser outros os que terían que ser sometidos a xuízo.
No seu momento, insistimos en reclamarlle ao Concello que iniciara as dilixencias necesarias para clarexar a responsabilidade da empresa adxudicataria na execución da obra ilegal e que revisara o contrato asinado para o aproveitamento hidroeléctrico da fábrica da luz.
A empresa INCA foi a autora da obra ilegal que acabou repercutindo nos petos de todas as luguesas, cunha multa superior a 260.000 euros máis os gastos de reparación dos danos ocasionados (incoada polo Ministerio). Pese a xerar graves prexuízos para o goberno local en ningún momento lle reclamou contas á adxudicataria nin lle abriu expediente sancionador cando sobraban os motivos.
O Concello debería ter rescindido o contrato con INCA polo incumplimento das condicións da concesión, cando ADEGA e Lugo de Cara ao Miño llo solicitaron.
Un ano máis tarde, fíxose pública a nova de que o Concello volvía a adxudicar a esta mesma empresa a redacción de cinco proxectos “Da Muralla ao Miño” no marco do desenvolvemento urbano EDUSI que suman un orzamento de 168.000€.
Preguntámonos por qué o Concello sigue actuando con total indulxencia e a favor dunha empresa que ata o momento só ten demostrado que despreza os bens públicos municipais, o noso patrimonio cultural e natural, os nosos espazos naturais protexidos e o noso río Miño.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal