ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA insta a crear un órgano mixto de xestión...

12-11-2020

ADEGA insta a crear un órgano mixto de xestión pública do río Miño ao seu paso por Lugo

Dende a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) pretendemos dar a nosa postura sobre a actual xestión que o Concello de Lugo está a facer do río Miño, que lembremos trátase dun espazo natural protexido, con cualidades excepcionais, declarado como Zona de Especial Conservación (ZEC) Parga-Ladra-Támoga, zona de Rede Natura 2000 e zona núcleo da Reserva da Biosfera. 

Proxectos como o embalse do río Narla, a gasolineira do Carrefour, a fábrica da luz, ou a construción do Pazo de Feiras e Exposicións, poñen de manifesto que a loita de ADEGA xunto con outros colectivos, foi necesaria para paralizar ou reducir agresións ao medio, que doutro xeito seguirían adiante co beneplácito das administracións, pero nas que finalmente os tribunais nos deron a razón.

A privatización do río

Cada día saen novas propostas por parte do Concello de Lugo con proxectos que promoven a privatización do río, que intensifican a mudanza climática e o despilfarro de recursos públicos. O proxecto hidroeléctrico da fábrica da luz, a urbanización das Saamasas, a tolerancia coas reiteradas infraccións do Clube Fluvial, o Caudal Fest, ou a estratexia DUSI, poñen en evidencia a falta de visión estratéxica por parte do Concello de Lugo, e por iso consideramos fundamental a elaboración dun plan global para todo o treito do río Miño dende As Saamasas ata a confluencia co Río Rato que cumpra co Texto Refundido da Lei de Augas do 2001, o Regulamento do Dominio Público Hidráulico e a Directiva Marco da Auga no contexto de crise climática na que estamos.

Proposta de creación dun órgano mixto de xestión pública do río Miño

Membros de ADEGA veñen de reunirse co Tenente alcalde Rubén Arroxo, coa  Vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro, coa voceira da Deputación de Lugo  Pilar Porto, co deputado de medio ambiente José Luis Raposo, e tamén co Presidente da Confederación Hidrográfica Miño Sil (en adiante CHMS) Jose Antonio Quiroga, co gallo de propoñer a creación dun órgano mixto de xestión pública do río Miño, no que, tomando a iniciativa o Concello de Lugo, tamén participe a Deputación de Lugo. Dentro da proposta está a de implicar ademais á Xunta de Galicia e á CHMS como entidades responsables e financeiras.

Celebramos o cambio de actitude do Presidente da Confederación Hidrográfica Miño Sil, ao cal lle trasladamos que esixiremos o estrito cumprimento da legalidade, tanto pola súa parte como a de técnicos e altos funcionarios do órgano de bacía. 

As representantes da Deputación entenden que debe ser o Concello quen tome a iniciativa e que non terían ningún inconveniente na creación dese órgano mixto de xestión pública, coincidindo coas respostas do primeiro tenente de alcalde. Froilán Pallín, secretario xeral de ADEGA, indicou en rolda de prensa que “é hora de que a Sra. alcaldesa se manifeste e tome a iniciativa con altura de miras”.

ADEGA considera fundamental a elaboración dun plan de restauración e xestión sostíbel e integral para todo o treito do río Miño, dende As Saamasas ata a confluencia co Río Rato, para o que se abre unha nova oportunidade co obxectivo de frear os despropósitos do Concello de Lugo no río de Miño nas últimas décadas. Froilán Pallín advertiu que “seremos tremendamente contundentes tanto nas mobilizacións sociais como na vía xudicial, incluída a penal, non só de cara aos responsables políticos que incumpran a legalidade, senón que tamén aos funcionarios que non actúen tanto ética como legalmente.”

A postura da alcaldesa de Lugo

ADEGA lamenta que a alcaldesa de Lugo actúe como se fose unha grande descoñecedora da cidade, con falla de liderado e visión estratéxica global de cara a concibir o río Miño como un elemento principal e integrado en Lugo. Os proxectos contemplados na EDUSI (a construción da pasarela sobre a NVI, das piscinas exteriores climatizadas, e a instalación dunhas piscinas flotantes no río Miño) amosan unha total falla de sensibilidade ambiental imprescindíbel para afrontar a crise climática na que estamos inmersas.

ADEGA demanda que deixe de ir a reboque de proxectos europeos desfasados e en contra das actuais directivas europeas, e advertímoslle que de non facelo, remitiremos un informe detallado tanto a Europa como ao Ministerio de transición ecolóxica e á Consellería de Medio ambiente da Xunta de Galicia.

Esiximos que lidere os asuntos medio ambientais e dea prioridade a posta en valor do Miño ao seu paso pola cidade. É necesario pór o Miño ao servizo da veciñanza, e deixe de darlle as costas tanto ao río como a súa contorna, facilitando o acceso público en condicións de seguridade.

O río Miño como factor fundamental de resilencia fronte o cambio climático

O Miño ten que deixar de ser negocio privado duns poucos e lugar onde verter as augas  suxas, para pasar a converterse no eixo da cidade na loita contra o cambio climático, a conservación da biodiversidade e a preservación dos principais valores ambientais e culturais de Lugo, no que se poidan desenvolver actividade de interese público ou colectivo.

A xestión pública do río Miño debe atender ao actual contexto lexislativo en materia medioambiental, climática e de augas, que non amparan algúns dos proxectos que se teñen promovido no río Miño ao seu paso por Lugo, en especial no treito protexido.

Dende ADEGA propoñemos o deslinde de todo o treito do río dende as Saamasas ata a desembocadura do río Rato, a declaración da contorna do Clube Fluvial como zona pública de baño, a restauración inmediata da área recreativa da fábrica da luz para uso público, a declaración de BIC do edificio da fábrica da luz polos seus valores culturais e arquitectónicos (deseño do arquitecto racionalista Eloi Maquieira), a paralización inmediata das obras das Saamasas, o desestimento do proxecto das piscinas flotantes, a promoción pública das termas naturais, e o traslado do Caudal Fest a outro lugar que non sexa lesivo para o río Miño nin para o espazo natural protexido como ZEC Parga-Ladra-Támoga. En palabras de Adela Figueroa “trátase de establecer unha simbiose entre o río e a cidade”.

Vídeo da Rolda de Prensa de ADEGA celebrada hoxe 12.11.20

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal