Inicio / Novas / Delegacións / Colectivos ciclistas e ecoloxistas lanzan unha...
18-10-2020
A plataforma Vigo Ciclábel, composta por diversos colectivos ciclistas e ecoloxistas de Vigo, entre eles ADEGA, fai un chamamento á cidadanía apelando á corresponsabilidade social e á empatía viaria para respectar o carril bici co fin de non estacionar vehículos sobre el. Esta práctica ilegal supón un risco viario para todas as persoas ciclousarias xa que obriga a estas, sempre que o sentido do tráfico o permita, a ocupar a calzada de xeito inesperado. En caso contrario, obriga a baixarse da bici e ocupar a beirarrúa coa conseguinte molestia para as e os peóns e á persoa ciclista. Prácticas como o estacionamento sobre o carril bici pode supor unha traba á mobilidade sostible e á seguridade nos desprazamentos en bicicleta.
A chegada do carril bici á cidade está a supor un cambio no paradigma da mobilidade sostible de Vigo, animando a moita máis xente de todas as idades (dende nenos de 8 a maiores de 80 anos) a facer desprazamentos diarios neste medio de transporte, cunha maior sensación de seguridade e podendo circular de xeito pausado. A Covid 19 viu poñer patente a necesidade de recuperar o espazo público de rúas e prazas para as persoas, demostrando que Vigo se pode vivir de xeito máis saudable e seguro para a súa cidadanía mediante un maior incentivo a moverse camiñando e en bicicleta. Pero para isto fai falla maior infraestrutura, promoción e respecto destas formas de desprazamento fronte ao uso do coche particular. Por iso vimos pedir tamén ao Concello de Vigo:
Desde Vigo Ciclábel queremos salientar a cicloloxística como unha solución para o reparto de mercadorías, unha práctica que cada vez comeza a ter máis protagonismo en moitas cidades de toda Europa. A cicloloxística permite o reparto de proximidade, sendo unha solución ecolóxica que permite reducir os niveis de conxestión e contaminación de tráfico, así como eliminar a problemática da dobre fila e o estacionamento no carril bici. Tamén facilita o traballo a todas as persoas que se adican ao sector do reparto a domicilio, permitíndolles unha circulación no tráfico máis fluída, permeable e de proximidade.Debido a isto, algunhas empresas de reparto xa comezan apostar polo uso de bicicletas de carga e de pedaleo asistido para realizar esta labor, que sen dúbida, con axuda da administración, conseguiría un maior protagonismo. Neste sentido, o carril bici supón unha oportunidade tamén para esta loxística de reparto, xa que a través da ciclomensaxería pódese repartir paquetes de pequeno tamaño de xeito rápido, desconxestionando a súa vez o tráfico e facilitando o traballo dos e das repartidoras.
A súa vez, aumentando as zonas adicadas a carga e descarga, escenario que nos últimos anos estase a incrementar en Vigo, conseguiríase unha maior convivencia e respecto entre os diferentes vehículos e profesionais do sector. Deste xeito, substituíndo e habilitando zonas de estacionamento permanente por zonas de carga e descarga limitadas a 15-30 minutos, favorecería ao reparto de mercadorías, así como a rotación e a partilla do espazo urbano entre todas as usuarias e usuarios do mesmo.
Co aumento da presenza de bicicletas na cidade durante este último ano, están aumentar tamén algunhas condutas imprudentes por parte de condutores e condutoras de vehículos de maior potencia. Estas condutas, como a ocupación do carril bici ou adiantamentos que non respectan a distancia de metro e medio de seguridade, ou ben todas aquelas relacionados co exceso de velocidade, poñen en risco ás persoas que deciden desprazarse en bicicleta.
Por este motivo, desde a plataforma Vigo Ciclábel queremos dar a coñecer o procedemento de denuncia voluntaria de tráfico, segundo a cal, calquera persoa pode denunciar unha infracción atendo Regulamento de Procedemento Sancionado en materia de Tráfico aprobado por Real Decreto 320/1994. Este proceso pode realizarse presencial ou telemáticamente nuns sinxelos pasos, tal como explica a coordinadora estatal Conbici neste artigo.
Desde Vigo Ciclábel consideramos que a redacción e a aprobación do Plan Director da Bicicleta de Vigo será un instrumento que permitirá planificar de xeito integral o impulso da bicicleta na cidade, creando unha rede ciclista segura que atinxa a toda a area urbana. Tamén permitirá dotar á bicicleta dun maior estatus e protagonismo como vehículo na cidade. Por isto, o Plan Directo é sen dúbida unha ferramenta esencial para potenciar a mobilidade sostible e segura nun contexto de crise climática e social como a que estamos a vivir, que permitirá adaptar a cidade cara unha transición ecolóxica máis que necesaria en materia de mobilidade urbana.
Por este motivo, desde a plataforma instamos ao Concello de Vigo que na súa aposta pola mobilidade sostible realice tamén campañas para visibilizar a bicicleta na cidade, dándolle o protagonismo necesario para familiarizar este medio de transporte ao conxunto da cidadanía, en especial aos demais condutores e condutoras, e comece así a ser considerado e respectado como un vehículo máis, reducindo as situacións de violencia viaria. Desde os colectivos ciclistas e ecoloxistas agardamos e temos confianza que o Plan Director da Bicicleta que se está a elaborar teña en conta este tipo de políticas e programas de convivencia para gañarmos máis seguridade nos desprazamentos en bicicleta e na convivencia viaria.
Para finalizar, desde Vigo Ciclábel animamos á administración a seguir impulsando o uso da bicicleta como medio de transporte, así como a todas as persoas que queiran sumarse ao seu uso no día a día. Cantos máis desprazamentos se realicen en bicicleta, maior visibilidade e seguridade viaria gañará este medio de transporte na cidade.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal