15-10-2020
As recentes verteduras ao Eume augas abaixo do encoro da Capela e que acaban de provocar a declaración de emerxencia no río son un episodio máis da triste historia dunha canle maltratada pola minaría e esquecida polas administracións.
Á marxe de termos solicitado a Augas de Galiza coñecer a orixe e natureza destas últimas verteduras, posiblemente relacionadas coas operacións de ENDESA de activación das válvulas de fondo do encoro, ADEGA quere denunciar tamén a precaria situación da bacía do Eume, vítima da incompetencia, a improvisación e o desleixo das administracións.
En 2008 logo de inaugurado o treito da AG-64 ao seu paso polo polígono dos Airíos (As Pontes) producíronse fortes episocios de escorrentías ácidas ao río Lavadoiro que polo Chamoselo chegaron ao Eume, provocando unha importante mortandade de peixes no curso baixo do río.
A causa "oficial" foron os noiros e desmontes do vial sen estabilizar, xa que o sustrato rochoso, rico en sulfuros de xofre e exposto á intemperie, drenou por lixiviación augas hiperácidas ricas en metais pesados. Sorpresivamente na avaliación ambiental da obra, non se contemplou o problema da potencial acidificación das augas...
A Xunta licitou naquela altura (2008) pola vía de urxencia un proxecto de recollida e neutralización das augas acedas, que precisou de dous "by-pass" aos ríos Lavadoiro e Chamoselo, construción de balsas e plantas de tratamento por adición de cal, impermeabilización de noiros e entulleiras, etc. Deitouse tamén carbonato cálcico no encoro do Eume para rebaixar a acidez acumulada.
Mais o que ía a ser unha actuación provisional converteuse en definitiva: as medidas de control non conseguiron solucionar o problema das escorrentías ácidas e así en 2013 renovouse o contrato de tratamento, do mesmo xeito que en 2018.
Temos pois que a inaxeitada planificación dunha obra pública (graves omisións xeolóxicas e ambientais) perxudicou a toda a bacía do Eume, facendo necesario manter na UVI sine die a dous afluentes. O custo destas actuacións de emerxencia, que persisten a día de hoxe, abeira xa os 26,3 millóns de € dende 2008. En comparación, o custo da construción deste treito da AG-64 foi de 39,2 millóns...
Xa daquela advertiamos que os episodios de contaminaciñon do Eume e as mortandades de peixes non podían estar só causadas polas escorrentías ácidas dos seus afluentes (Lavadoiro e Chamoselo). A acumulación de lamas no ateigado encoro da Capela polo desleixo de ENDESA durante décadas tamén tiña moito a ver.
As medicións de pH tomadas en toda a bacía reflectían pontos de alta acidez nos afluentes relacionados coas obras da AG-64. Mais tamén amosaban outro pico de acidez xusto á saída das turbinas da central do Eume, consecuencia probábel da remobilización das lamas tóxicas depositadas no encoro por 40 anos de actividade mineira (ver figura).
ADEGA denunciou en reiteradas ocasións que estes sedimentos non estaban correctamente caracterizados. Ao longo de toda a vida útil da mina, Endesa verteu no Eume non só lamas e augas de escorrentía da explotación mineira e da estación depuradora, senón tamén unha serie de reactivos e substancias perigosas, agora prohibidas. Esta deficiente caracterización dos resíduos podería supoñer a existencia dun risco elevado durante o funcionamento dos desaugues de fondo do encoroe, pola acidificación e mobilización dos contaminantes que baixarían polo Eume, como aparentemente acabou sucedendo.
Temos pois que un dos principais ríos galegos, que da nome a un emblemático Parque Natural, leva décadas sofrindo o maltrado da minaría contaminante coa complicidade das administracións, e tamén as nefastas consecuencias para a natureza e o erario público das avaliacións ambientais chafalleiras nas infraestruturas.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal