ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Resultados da XIII Limpeza Simultánea de Ríos

30-09-2020

Resultados da XIII Limpeza Simultánea de Ríos

O domingo 27 de setembro de 2020 realizouse a XIII Limpeza Simultánea de Ríos en 49 concellos de toda Galiza. En cada localidade a actividade foi coordinada por diferentes entidades, dende asociacións ecoloxistas, culturais… até fundacións, centros de ensino e concellos, chegando ás 64 entidades. Houbo concellos nos que participaron varias asociacións limpando diferentes ríos como foi o caso de Lugo, Gondomar, Ames ou Santiago de Compostela, entre outros. Este ano fíxose a limpeza en 60 treitos de río e participaron 880 persoas, unha boa participación para os tempos que corren.
Neste ano continúan a sumarse á iniciativa concellos, asociacións de pescadores, culturais, xuvenís, ecoloxistas… de moitos lugares de Galiza. Outros grupos levan participado nesta iniciativa dende o inicio, e ao longo destes trece anos podemos observar unha diminución de lixo nos treitos dos ríos apadriñados por estas entidades, aínda que en 2020 volveron a aparecer moitas rodas de automóbiles.

Aínda se verten moitos residuos aos ríos

Desta volta recolléronse refugallos moi variados, e coma sempre abundaron os plásticos: botellas, garrafas, bolsas, sacos... Apareceron rodas, baterías e motores de automóbiles, cristais e latas; tamén pilas, restos de madeira, mobles, ferralla, algún televisor e entullos. Retiráronse uralitas, roupa, calzado, etc... As toalliñas húmidas para hixiene persoal volveron a aparecer en abundancia e este ano apareceron tamén algunha máscaras. É preciso reflexionar sobre o uso destes artigos, e aínda máis sobre o lugar que empregamos para desfacernos deles, xa que ao tiralos polo retrete rematan nos nosos ríos contaminando os cauces e ribeiras.

No reconto, calculamos que os residuos de tódolos concellos suman máis de 14 toneladas, pero debemos lembrar que o noso principal obxectivo non era este. O voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade. O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta.

Proxecto Ríos é un proxecto promovido por ADEGA dende o ano 2005 e  financiado por Augas de Galicia, que depende da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Para esta actividade contamos coa colaboración dos concellos de A Estrada, Ames, Arzúa, Carballo, Fene, Gondomar, Meis, Melide, Nigrán, Ourense, Pol, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadumia, San Sadurniño, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Teo, Tomiño, Verín e Xinzo de Limia.

Queremos voltar a agradecer a todo o voluntariado galego o seu compromiso cos nosos ríos, un ano máis a sociedade galega Mollouse Polos Ríos!!

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal