Inicio / Novas / Delegacións / Arde sobre ardido!
21-09-2020
Cada ano o mesmo, a mesma escena….arde sobre ardido.
Tamén cada ano, e durante décadas, somos testemuñas da ausencia de políticas válidas ou útiles para os nosos montes. De cando en vez algunha lei baleira para “ lavar a cara”… A cara que non cae de vergoña aos encargados de velar polos intereses dos nosos montes, como a de Fernández Couto, o actual director xeral de montes que leva no cargo dende 1996, e o máis acertado que fixo neste tempo é dicir que “os incendiarios non son xente normal”( La Voz de Galicia, 1-9-2020), ou a máis recente onde di que “sabiamos que ía acontecer e onde…”
Mesma traxectoria levan José González Vázquez, conselleiro de medio rural e a conselleira de medio ambiente Angeles Vázquez Mejuto pola súa inoperancia ante o problema que estamos a vivir.
A pregunta é, se nos podemos permitir xente así que vele pola saúde da nosa contorna, e a resposta é un NON rotundo.
Galicia non se pode permitir un xestor así, nin un presidente que está desaparecido ou non está, salvo para coller a mangueira sen despeitearse e quedar bonito na foto.
Xa en outubro de 2017 o biólogo Xabier Fernández Pumariño (La Vangardia, 19-10-2017) fala dun lobby forestal ostentado por certos profesionais do monte (enxeñeiros de montes), e onde se incluiría tamén ao Partido Popular, ENCE, empresas de extinción, etc. De ser certas estas afirmacións atopámonos ante unha “trama de poder “ cunha “cabeza de turco” que prende o misto por un puñado de euros, e desta maneira segue funcionado o negocio ano tras ano e década a década. Mentres tanto o noso rural desaparece porque non interesa aos actores do suposto lobby, salvo o que poidan sacar da riqueza forestal. O lume leva, e seguirá levando por diante a nosa maior riqueza natural, o noso ecosistema. Convertéronnos en “a teta“ a muxir ata que deixe de dar leite… E entón que?...entón non existiremos, non haberá nada.
Dende SALVEMOS O TÁMEGA, ADEGA-MONTERREI, esiximos que se depuren responsabilidades xa! Esiximos políticas forestais de prevención efectivas dunha vez por todas, esiximos a dimisión de Fernández Couto e demais responsables.
Non queremos volver ver o macizo central, o Xurés e outras zonas converterse en páramos debido aos incendios reiterados. Non queremos máis “lavados de fronte”, o rural galego necesita e esixe políticas de altura que este goberno da Xunta non pode ou non quere poñer en marcha.
Quizais chegou o momento de secar as bágoas e empezar a loita. Por iso pedimos a aquelas asociacións e á poboación en xeral que nos sumemos para reivindicar o que por dereito é noso e do noso rural.
BASTA XA!
Artigo de ADEGA-Monterrei
Fotos: Joaquin Jimenez Muñiz - “Brigada do fumo”
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal