ADEGA

Inicio / Campañas / COUSA DE RAÍCES. Pola posta en valor e o...

COUSA DE RAÍCES. Pola posta en valor e o recoñecemento do bosque galego.

O OBXECTIVO DE COUSA DE RAÍCES

O principal obxectivo da campaña é o de aumentar a conservación das nosas masas de árbores e o coñecemento sobre a súa necesaria existencia, tamén como recursos produtivos e de creación de emprego.

"Cousa de Raíces" quere devolver ao noso bosque o valor que ten, a todos os niveis (ambiental, económico, social, cultural, paisaxístico, etc.), contando coa participación e apoio dos diversos sectores interesados e comprometidos coas masas arbóreas autóctonas, porque as reivindican, porque as estudan, porque as coidan, porque as precisan para vivir.

"Cousa de Raíces" pretende contribuír a este obxectivo influíndo en dúas direccións:

-Na Administración pública, para que faga cumprir a normativa existente relativa á
conservación efectiva das nosas masas autóctonas.

-Na sociedade, impulsando unha concienciación positiva do valor das árbores autóctonas en sentido pleno: económico, cultural, ambiental.




POR QUE AGORA?

Só o 30% da masa forestal de Galicia é bosque autóctono

O IV IFN (Inventario Forestal Nacional) de 2009 establece que a superficie de frondosas no noso territorio é de 413300,52 ha (o 29,19% da superficie forestal arborada) distribuída de forma irregular. Estes datos, comparado con III IFN (1998), evidencian que existe un claro retroceso do bosque autóctono na zona atlántica.

Pese a que desde hai 25 anos diversas campañas sociais e unha Iniciativa Lexislativa Popular intentaron que a política forestal do país axudase á preservación das nosas masas arbóreas, seguimos a comprombar  ano tras ano que a superficie de bosque autóctono segue minguando sen que a Administración poña freo. O decrecemento continuado do bosque autóctono (bosque, en definitiva) é consecuencia directa das políticas ambientais, de ordenación do territorio e do medio rural. Políticas que pretenden a desprotección ambiental do noso monte e o uso en exclusivo de monocultivos forestais con especies de crecemento rápido e de cultivos enerxéticos, unha ameaza que se presenta inminente.

Mais o principal activo para defender o noso bosque autóctono somos as persoas. Se descoñecemos o que temos próximo, será moi difícil chegar a estimalo. Acheguémonos ao noso bosque para escoitalo, sentilo, vivilo; e sobre todo para saber o que temos: un bosque do que se pode vivir, convivir e gozar .

Que non teñamos que perdelo para comezar a valoralo.

COUSA DE RAÍCES. COUSA DE TODOS/AS!

O lema escollido trata de retratar o bosque como elemento vertebrador da nosa identidade, cultura e paisaxe, pero tamén da nosa economía e sociedade. As “raíces”, soterradas e ocultas baixo a terra, representan o piar fundamental do que é a nosa sociedade e do que será; ademais son sustento do que se fai visible no territorio, na paisaxe e no desenvolvemento económico-social. É “cousa de raíces” que entre todas e todos camiñemos cara un mesmo obxectivo na preservación do noso bosque. 

“Cousa de Raíces”, aínda que impulsada por ADEGA, é unha campaña aberta a todas as persoas, entidades e colectivos dispostos a traballar no obxectivo común de defender o noso bosque; e por tanto, proactiva, expansiva, colaborativa, diversa e integral.  

"Cousa de Raíces" tenta acadar a confluenza de distintas ópticas e esforzos nun mesmo obxectivo, sen esquecer as graves ameazas que afectan xa a estes valiosos espazos: lumes, eucaliptización, biomasa, cultivos enerxéticos, talas polo pé de carballeiras e bosques de ribeira...

Trátarase de aproveitar os recursos e elementos que xa se están desenvolvendo nunha acción
colectiva e sinérxica. Por isto, as actividades que se desenvolvan no marco da campaña configúarnse de forma colectiva e baixo diversas formas. Poden ser divulgativas, formativas, educativas, reivindicativas, produtivas, de custodia, etc.

No momento do seu lanzamento, preto de 50 colectivos xa se uniron á iniciativa. O acto de presentación de "Cousa de Raíces" tivo lugar o pasado 8 de xuño de 2014, na Eira da Xoana (Ramil-Agolada).

ENTIDADES PROMOTORAS DE COUSA DE RAÍCES

Acto de presentación da Campaña na Eira da Xoana

ADEGA
ADENCO
AGRUPACIÓN MICOLÓXICA A ZARROTA
ALIBÓS
ARTEU
ASFORGAL
ASOCIACION GALEGA DE APICULTURA
ASOCIACIÓN GALEGA DE CUSTODIA
ASOC. PATRIMONIO DE CASTROVERDE
ASOC. PETÓN DO LOBO
ASOPORCEL
BANDULLO ECOLÓXICO
CARBALLO VIVO
CENTRO INVESTIGACIÓN LOURIZÁN
CHAO DE CASTRO-ALTAIR
COVA DA TERRA
CULTURA DO PAÍS
CVMC DE LOUSAME
CVMC SOBREIRAS DO FARO
CYCLOWOOD

Entidades promotoras de Cousa de Raíces

CDR ANCARES
ENARBORAR O BOSQUE
ERVA
ESPAZO AGROECOLÓXICO A ESTRUGA
FACTORÍA DE IDEAS
FRUGA
FEG
FORO DO CAMIÑO
FRAGAS DO MANDEO
FROUMA FORESTAL
GRUPO HÁBITAT
HIFAS DA TERRA
QUERCUS SONORA
MARIÑAPATRIMONIO
NATURVIVA
ORGACCMM
OVICA
PLATAFORMA SARRIANA POLO RÍO
POLITÉCNICA (CAMPUS LUGO)
POSADA MARRÓN GLAÇE
PROXECTO MONTENOSO
PROXECTO NEO
RIDIMOAS
RÍOS CON VIDA
SGO
SOBREIRAS DO ULLA
VERDEGAIA

TI, COMO PODES CONTRIBUÍR A COUSA DE RAÍCES?

Faite un selfie co logo de Cousa de Raíces e compárteo!

Ti tamén podes unirte á campaña de varias maneiras:

  • Facéndote unha foto ou selfie co logo de Cousa de Raíces e compartíndoa con nós no noso Facebook e Twitter a través do hashtag #CousaDeRaíces, ou polo email cousaderaices@adega.gal.
  • Enviando información que consideres de relevancia para a causa ou manifestando a túa vontade de colaborar nas accións da campaña a través do correo electrónico: cousaderaices@adega.gal.
  • Participando das distintas actividades que se organicen por Cousa de Raíces.
  • Deixando constancia do teu apoio á campaña no formulario que se apega ao fondo desta páxina.
  • Visitando e difundindo os contidos do blogue de Cousa de Raíces que en breve estará á túa disposición.

BLOGUE COUSA DE RAÍCES

ADEGA creou o blogue cousaderaices.wordpress.com para acoller  toda a información relativa á campaña a prol do bosque galego "Cousa de Raíces". Nese soporte dixital, explicaranse os obxectivos da campaña, indicaranse e poñeranse en contacto os colectivos participantes e poderase descargar a imaxe da campaña (logo en distintos tamaños…) para que se poida usar polas persoas e colectivos que apoian a campaña en defensa do bosque.

Os colectivos e entidades que participen de "Cousa de Raíces" poderán, á súa vez, tirar uso deste soporte de distintas formas que suxerimos a continuación:

  • Enviando e proxectando información a este blogue sobre as súas actividades relativas á defensa do bosque.
  • Compartindo nas redes sociais os contidos deste blogue.
  • Propoñendo accións conxuntas (divulgativas, reivindicativas, educativas, formativas, produtivas, etc.) co resto dos colectivos participantes.
  • Usando a imaxe da campaña nas súas actividades, notas de prensa, redes sociais, etc.
  • Establecendo colaboracións ou sinerxias puntuais con colectivos concretos.
  • Compartindo información que nos axude a avanzar entre todos/as na posta en valor do bosque galego (sobre os seus valores, oportunidades, cualidades).
  • Compartindo outro tipo de información (científica, denuncias, normativa, proxectos de interese, etc.) que sexa de interese para a causa.


Ligazóns

Descargas

Vídeos

Audios

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal