ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / ROTEIRO en Cerdedo polo Monte do Seixo, o...

24-04-2022

ROTEIRO en Cerdedo polo Monte do Seixo, o santuario perdido dos celtas

O vindeiro 24 de abril achegarémonos ata Cerdedo para coñecer algo mais do Monte do Seixo, coa colaboración coa Asociación Capitán Gosende. A lonxitude total da ruta é dalgo máis de 7Km, e a dificultade é baixa, sempre por riba dos 970m de altitude.

O punto de encontro será en Cerdedo (cafetaría NelRoss) onde poderemos tomar un café antes de comezar a ruta. Dende aquí colleremos o autobús até Chan de Mamas onde comezaremos a ruta dirección a Portalén, dende alí camiñaremos ata a ermida da Santa Mariña. Por recomendación do guía xantaremos no viveiro de Santa Mariña. E dende aquí voltaremos ata a aldea de Cimadevila (Caroi) onde colleremos o autobús de volta.

Percorreremos nun itinerario lineal algunhas das estacións arqueomíticas do monte do Seixo, descubertas tras unha investigación etnográfica levada a cabo a finais dos anos noventa: Chan de Mamas (necrópole neolítica: a tumba do Tecelán de Carballás); as lagoas de Xestido (lenda da santa Mariña e do pozo da Muller Morta); o Almadraque de Pirocha (tripla manifestación da Moura, deidade primixenia); a Trampa do Lobo (vestixios dun cortello lobeiro); a Cruz do Seixo (antigo e cristianizado ara solis); Portalén (a porta ao Máis Alá); o Marco do Vento (pedrafita de 6 m de alto e 30 m3 de pedra de gran)... Ao tempo, denunciaremos, coma sempre, a desfeita arqueolóxica e ambiental perpetrada na montaña dende que, en 1999-2000, a cacicaxe de Cerdedo e Forcarei permitisen a instalación dos aeroxeradores eólicos.

O programa de roteiros "As nosas sagradas montañas"

Os Roteiros de ADEGA-Lugo son andainas pola Natureza que organiza a delegación de Lugo da organización ecoloxista ADEGA desde hai máis de 20 anos e que están dirixidas á poboación de todas as idades, co obxectivo principal de achegar as persoas á súa contorna natural para que coñezan os valores naturais, patrimoniais e culturais que enriquecen e identifican o noso territorio.

Os seguintes roteiros son:

  • 22 de maio A Galiza estremeira por Alto Cabrera en colaboración con  Bierzo Aire Limpo
  • 12 de xuño Camiñando polas terras do lobishome polo Biduiral de Montederramo.

Reserva a túa praza!

Na propia bitácora de Roteiros de ADEGA-Lugo (http://roteirosadegalugo.wordpress.com) irase  actualizando toda a información relativa a cada saída e as indicacións para formalizar a túa reserva. 

As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 14:00 do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.

Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos. 

Prezo xeral: 18€; Socios/as de ADEGA: 12€; Estudantes ou en paro: 15€; ata 14 anos: 5€.

    Para máis información, tamén se pode chamar ao teléfono 982 240299 (local) ou escribir a adegalugo@adega.gal.

    Ligazóns

    ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
    Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
    Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal