ADEGA

Inicio / Axenda / Educación ambiental / Xornada de eliminación de invasoras en...

Do 07-03-2022 ao 13-03-2022

Xornada de eliminación de invasoras en Traba, apúntate!

ADEGA ten unha nova convocatoria do proxecto de Voluntariado ambiental para a conservación dos humidais e a flora da Costa da Morte. Trátase dunha acción de eliminación de flora invasora do Complexo Húmido de Traba, no concello de Laxe. Será o sábado 12 de marzo, en horario de 10:30 a 17:00h.

Na actividade vaise eliminar flora exótica invasora que pode chegar a ser un perigo para as especies ameazadas do espazo natural. Será unha xornada de mañá e tarde, adicando a xornada matinal a recoñecer as invasoras e proceder á súa eliminación. Na sesión de tarde realizarase unha ruta polo espazo natural protexido de Traba para descubrir os seus valores naturais e paisaxísticos.

Esta actuación dá continuidade a un traballo comezado hai uns anos en colaboración co Departamento de Botánica da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela, coa creación das Microrreservas de Flora da Costa da Morte.

As prazas son limitadas e é preciso inscribirse a través do correo electrónico ramses@adega.gal  ou chamando ao 616 23 80 60. 

O voluntariado asistente terá cubertos os gatos de manutención e contará cos seguros correspondentes.

O proxecto conta nesta ocasión co apoio da Acción Social de CaixaBank a través da ‘Convocatoria de Medioambiente 2021’, que dá soporte a iniciativas encamiñadas á mellora do patrimonio natural, a través da protección da biodiversidade, a innovación ambiental e a loita contra a despoboación.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal