ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro polas Ribeiras do Sor -...

13-05-2018

Roteiro polas Ribeiras do Sor - Mañón

ADEGA-Lugo prepara un novo roteiro polas Ribeiras do río Sor (concello de Mañón) para o vindeiro domingo, 13 de maio, seguindo o programa de roteiros 2017-2018 chamado a conmemorar os "20 anos camiñando con ADEGA-Lugo" e que recolle as mellores rutas destas últimas dúas décadas.

O vindeiro roteiro será de 15 quilómetros de lonxitude e de dificultade media.

O percorrido

O roteiro descorrerá case integramente polas Grañas do Sor, a parroquia norte do concello de Mañón. Principiarase a andaina preto da Igrexa de San Mamede, desde onde descenderemos ata a beira do río Sor percorrendo varias aldeas das Grañas, nas que predominan os pastos de gandaría extensiva con numeras divisións de laxas tradicionais. Na beira do río atoparémonos coa aldea de Ribas do Bispo, na que aínda se conserva un dos maiores muíños da comarca.

Avanzando pola marxe esquerda do río Sor cara á aldea de Ponte Segade, percorreremos ao longo de 10 quilómetros un dos máis fermosos sendeiros de ribeira de Galicia, que fai de fronteira entre as provincias de Lugo e A Coruña. Finalmente deixaremos a marxe do río para subir ata a Capela de Segade e o antigo Lavadoiro das Carreiras, magnífico exemplo de conservación dun lavadoiro tradicional.

Reserva a túa praza!

A reserva de praza debe realizarse, chamando ao local de ADEGA-Lugo (982240299) ou ao móbil (679113718) ou enviando un mail a adegalugo@adega.gal co teu nome completo e número de contacto, polo menos con 3 días de antelación.

Ollo!: A partir do xoves, 10 de maio, só poderás contactar con ADEGA a través do teléfono móbil, polo que recomendamos que reserves a praza antes.

Cubriranse as prazas ata que se esgoten.

SAÍDA do autobús terá lugar o domingo,  13 de maio, diante da Facultade de Profesorado de Lugo (antigo Maxisterio) ás 9 HORAS

Se por algunha razón, as persoas que xa teñan reservado praza non poden asistir ao roteiro, prégase que avisen por teléfono coa máxima antelación posible para dar cabida a que outra xente participe.

Os prezos para a realización desta actividade son:

  • Xeral: 18€.
  • Estudantes e desempregad@s: 15€.
  • Soci@s de ADEGA: 12€.
  • Ata 14 anos: 5€.
O pago realizarase no autobús.

As persoas participantes deberán levar a súa comida e roupa e calzado axeitados. 

O bo humor é cousa de todas/os!

Anímate a participar!

Novo blog de roteiros!

O blog-web dos roteiros de ADEGA-Lugo muda de localización debido á desaparición do sitio blogaliza.org. A partires de agora terás á túa disposición un novo sitio URL para consultar de forma sinxela os contidos dos roteiros de ADEGA-Lugo. Ademais, poderás realizar a túa reserva de praza de forma moi sinxela.
Visita: http://roteirosadegalugo.wordpress.com

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal