ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro por Montefurado - Quiroga

22-04-2018

Roteiro por Montefurado - Quiroga

Dadas as inclemencias meteorolóxicas das pasadas semanas, ADEGA-Lugo viuse obrigada a modificar o programa de roteiros 2017-2018 de abril. O próximo roteiro será o domingo, 22 de abril,Montefurado, no concello de Quiroga, para coñecer a minaría romana e os restos desta antiga actividade que aínda son evidentes na comarca. A andaina pertence chamado "20 anos camiñando con ADEGA-Lugo" e que recolle as mellores rutas destas últimas dúas décadas.

O vindeiro roteiro será de 10 quilómetros de lonxitude e de dificultade media-baixa.

Contaremos coa colaboración e o acompañamento da Asociación sociocultural Local Boca do Monte.

Percorrido

Neste roteiro coñeceremos diferentes aspectos da extracción de ouro nesta comarca por parte dos romanos. O punto de partida será o lugar da Pesqueira, e desde alí dirixirémonos ata a Boca do Monte, túnel feito polos romanos par desviar a auga do río Sil nun pronunciado meandro, co obxecto de poder extraer doadamente ouro no leito orixinal do río. Subindo ata o mirador de Anguieiros e ata o alto da Cabrita teremos una boa panorámica do val.

Descendendo de novo ata a Veiga do Couso, canle orixinal do Sil antes do túnel, analizaremos o seu uso no pasado como terra de cultivo moi produtiva e como zona de captura de anguías (de aí o topónimo “Anguieiros”). En 1934, un desprendemento de fragmentos taponou o túnel e o Sil volveu a ocupar o seu leito natural, asolagando as terras de cultivo que as persoas oriúndas instalaran no antigo meandro. Actualmente o lugar  está ocupado por vexetación de rebeira.

O roteiro rematará nas Médulas de Montefurado, vestixios da explotación romana mediante o sistema de ruina montium que facilitaba a extracción de ouro presente nos sedimentos fluviais. Neste lugar destaca tamén  a igrexa e a presenza de varias covas e adegas escavadas no singular terreo arxiloso de cor ocre. Se é posible visitarase algún destes lugares. A observación da vexetación ao longo da ruta  permitiranos constatar a importancia que teñen dous cultivos na comarca: a vide e a oliveira.

 Ver texto completo enviado pola As. Boca do Monte

Reserva a túa praza!

A reserva de praza debe realizarse, chamando ao local de ADEGA-Lugo (982240299) ou ao móbil (679113718) ou enviando un mail a adegalugo@adega.gal co teu nome completo e número de contacto, polo menos con 3 días de antelación.

Ollo!: A partir do xoves, 19 de abril, só poderás contactar con ADEGA a través do teléfono móbil, polo que recomendamos que reserves a praza antes.

Cubriranse as prazas ata que se esgoten.

SAÍDA do autobús terá lugar o domingo,  22 de abril, diante da Facultade de Profesorado de Lugo (antigo Maxisterio) ás 9 HORAS

Se por algunha razón, as persoas que xa teñan reservado praza non poden asistir ao roteiro, prégase que avisen por teléfono coa máxima antelación posible para dar cabida a que outra xente participe.

Os prezos para a realización desta actividade son:

  • Xeral: 18€.
  • Estudantes e desempregad@s: 15€.
  • Soci@s de ADEGA: 12€.
  • Ata 14 anos: 5€.
O pago realizarase no autobús.

As persoas participantes deberán levar a súa comida e roupa e calzado axeitados. 

O bo humor é cousa de todas/os!

Anímate a participar!

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal