ADEGA

Inicio / Axenda / Outras actividades / CEXMV: Concerto expansivo por un monte vivo

04-11-2017

CEXMV: Concerto expansivo por un monte vivo

Este sábado expándese a música polo país. Por un Monte Vivo. Por dignidade. Por unha nova política forestal. Porque esiximos responsabilidades na xestión da vaga de lumes de outubro.

O Concerto Expansivo por un Monte Vivo sucede simultáneamente o sábado 4 en:
OURENSE 21h
El Pueblo Café Cultural: Ménage à trois grupo, Blues do País, Thetetasvan Van e @osonoromaxin
COMPOSTELA 21h
A Gramola Café: Regueifesta e Banda da Gramola
Gentalha Do Pichel: Paula Carballeira e Foliada Popular
FERROL 22h
Fundaçom Artábria: Rottentown e Iron Hunter.
MOS 18h
CSCD As Pedriñas: Asacocirco Compañia, A Vacaloura Vermella e Tanto Nos Ten (TNT) Música Tradicional Furtiva
VILAR DE SANTOS 18h
A Arca da Noe: A Banda dos Cueiros
MANZANEDA 21h
Festival A Rebusca: Maskarpone OU, Cé orquestra pantasma e Leo Arremecághona
VILA DE CRUCES 21.30h
A Esghalla: Charabiscas e Sons da mina

Solidariedade: O diñeiro recadado no Concerto Expansivo destínase integramente a proxectos pedagóxicos e de recuperación medioambiental dos colectivos: Asociación Ecoloxista ADEGA, Amigos da Terra, Amigos das Arbores da Limia e Amigas das árbores · Ourense

Se queres organizar un Concerto Expansivo por un Monte Vivo #CExMV aquí tes a información necesaria:

QUE SON
Esta iniciativa parte dun grupo de músicas mobilizadas coa traxedia vivida polas galegas e galegos nos lumes de outubro e vai en solidariedade con todas as persoas afectadas.
Nos CExMV pode haber música, maxia, humor, contos... e calquera outra forma de expresión artística.

POR QUE
Os Concertos Expansivos por un Monte Vivo pretenden ademais poñer o foco na raíz do problema: a necesidade dunha política forestal de cara ao rural diferente que axude a erradicar dunha vez para sempre o problema dos incendios forestais no País. Esixe asimesmo que se asuman responsabilidades políticas pola desastrosa xestión por parte da Xunta na xornada do domingo 15 de outubro e madrugada do 16.
Por iso todos os CExMV comezarán coa lectura dun texto común escrito polas poetisas Lucía Aldao e María Lado: o Manifesto por un Monte Vivo.

CANDO E ONDE
O sábado 4 de novembro por todo o país e máis aló. Podes organizar un CExMV na túa vila, pobo ou cidade preferibelmente ás 21h, sempre e cando se ateña a estes parámetros. Será promocionado neste evento.

COMO O FACEMOS
A organización dos concertos expansivos será descentralizada e horizontal. Todas as salas, músicas, técnicas se autoorganizarán e traballarán dacordo aos parámetros fixados neste texto.
Se xa tes en marcha unha iniciativa cultural ou artística para esa data podes adherirte aos CExMV.
Procurarase que en cada localidade só se celebre un CExMV para aumentar a potencia de chamamento dos mesmos.
Os CExMV guiaranse por unha lóxica de #custecero que significa que todas as persoas implicadas procurarán fórmulas de funcionamento que non supoñan gastos económicos para a celebración dos concertos. Así, todo o equipo de PA e backline funcionará baixo a lóxica colaborar e compartir.

TRANSPARENCIA
Os Concertos Expansivos por un Monte Vivo terán unha entrada solidaria de 5€ destinada integramente a iniciativas de recuperación ambiental dos ecosistemas danados e actividades pedagóxicas para difundir a importancia dun monte vivo.

Os cartos repartiranse entre dous colectivos expertos no tema: Amigos da Terra e Adega. Cada un deles explica como se van invertir eses cartos:

"Amigos da Terra desenvolverá accións de voluntariado para a rexeneración de zonas afectadas por lumes forestais así como accións de educación ambiental, sensibilización e mobilización social que contribúan a que se emprendan os cambios necesarios nas políticas forestais que reduzan no futuro o risco e alcance do problema dos incendios."

"Dende ADEGA en novembro celebraremos unhas xornadas internacionais Galiza-Portugal sobre os lumes; temos en marcha unha ILP para a defensa do bosque autóctono e a loita contra o eucalipto que precisará apoio para a difusión e a recollida de sinaturas; estamos a desenvolver proxectos de voluntariado para a eliminación de especies invasoras como o eucalipto en hábitats sensibles; e imos realizar xunto con varias comunidades de montes proxectos de custodia para a recuperación de montes queimados de cara á primavera."

Os CExMV serán en todo caso de entrada libre para todas aquelas persoas que non poidan aportar economicamente e prefiran facelo en forma de colaboración na produción ou difusión dos mesmos. Haberá unha caixa de resistencia para doazóns voluntarias dun mínimo de 5€.
Nengunha persoa participante nos CExMV cobrará diñeiro.
A xestión do diñeiro recadado nos CExMV será totalmente transparente e será publicado o diñeiro total recadado así como se dará cumprida información do destino final de todos os cartos.
Ademais existirá unha fila 0 con contas bancarias de Amigos da Terra e ADEGA para aquelas persoas que queiran aportar usando o concepto "Doazón Monte Vivo":

ADEGA: ES48/2080/0300/8030/4011/9852. Doazón beneficiaria dunha desgravación do 75% no IRPF dado que ADEGA é de Utilidade Pública.

Amigos da Terra: ES83/3070/0043/0261/6681/1023

Máis info en:
Twitter: https://twitter.com/CExMV17
Correo-e: concertoexpansivoxunmontevivo@gmail.com
Canle de Telegram: https://t.me/CExMV
Web: https://cexmv.wordpress.com/

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal