ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro por Chantada: vides, adegas e batuxos

26-03-2017

Roteiro por Chantada: vides, adegas e batuxos

O domingo 26 de marzo, ADEGA-Lugo convida a participar nun novo roteiro incorporado no programa de andainas 2016-2017 "Recuperando O Noso", que trata de poñer en valor iniciativas, proxectos ou experiencias que recuperan o noso patrimonio e saber popular. 

Nese día, visitarase a área de vides e adegas de Chantada, ademais de coñecer un elemento patrimonial único do Miño, os seus batuxos ou barcas tradicionais.

Ademais contaremos coa presenza dun honorable ribeirego, o contacontos Anxo Moure, quen nos falará duns seres máxicos que habitan no Miño, as xacias.

a ruta será de 10 quilómetros e de dificultade media. A continuación, describimos con máis detalle o roteiro.

Percorrido

Iniciaremos o roteiro na Adega dos Contos, fronte á fervenza do río Asma, unha adega tradicional onde as haxa. Neste lugar recrearemos o rito das “dez”, comida asociada ao duro traballo da viticultura: podas, atas, vendima, etc. Aproveitaremos o lugar para escoitar tamén algunhas historias de xacias (seres máxicos que habitan nos ríos) da man do recoñecido contacontos  Anxo Moure. Seguiremos camiño polas ribeiras do Miño ata chegar a Belesar. Aquí teremos ocasión de coñecer de primeira man o oficio de barqueiro ao pé nunha tradicional “barca de paso” (chamada batuxo nalgúns lugares).

Tomando o camiño romano de Belesar remataremos o roteiro na zona vella de Chantada. Esta vía correspóndese cun tramo do Camiño de Inverno, variante do Camiño Francés empregado polos peregrinos que queren evitar  os cumios nevados do Cebreiro.

A barca da fotografía foi a última feita no Miño polo carpinteiro Pedro, recentemente falecido.

Reserva a túa praza!

A reserva de praza debe realizarse, chamando ao local de ADEGA-Lugo (982240299) ou ao móbil (679113718) ou enviando un mail a adegalugo@adega.gal co teu nome completo e número de contacto antes do venres 24 de marzo.

Ollo!: A partir do xoves 23 de marzo só poderás contactar con ADEGA a través do teléfono móbil, polo que recomendamos que reserves a praza antes.

Cubriranse as prazas ata que se esgoten.

SAÍDA do autobús terá lugar o domingo, 26 de marzo, diante da Facultade de Profesorado de Lugo (antigo Maxisterio) ás 9 HORAS

Se por algunha razón, as persoas que xa teñan reservado praza non poden asistir ao roteiro, prégase que avisen por teléfono coa máxima antelación posible para dar cabida a que outra xente participe.

Os prezos para a realización desta actividade son:

  • Xeral: 15€.
  • Estudantes, xubilad@s e desempregad@s: 12€.
  • Soci@s de ADEGA: 10€.
  • Ata 17 anos: 5€.
O pago realizarase no autobús.

As persoas participantes deberán levar a súa comida e roupa e calzado axeitados. E, desta volta, tamén se recomenda o uso de bastóns.

O bo humor é cousa de todas/os!

Anímate a participar!

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal