Inicio / Axenda / Educación ambiental / Especies exóticas invasoras e...
28-11-2015
O vindeiro sábado 28 de novembro celebrarase unha xornada divulgativa sobre “Especies invasoras e a participación social” no museo Domus da cidade da Coruña. Esta actividade enmárcase no proxecto “Rede de voluntariado ambiental para a eliminación de especies invasoras en ecosistemas acuáticos”, que conta co apoio do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Fundación Biodiversidad, alén de contar coa colaboración da concellería de Medio Ambiente do Concello da Coruña.
A xornada durará todo o día e haberá espazo para que diferentes persoas de Galiza, Portugal e Cantabria dialoguen e debatan a cerca dunha problemática ambiental que hoxe en día está a ser a responsable da perda da biodiversidade mundial.
As especies invasoras son unha grande ameaza para a natureza que dun xeito silandeiro van desprazando e extinguindo a especies da nosa fauna e flora. Porén este grave problema é descoñecido pola meirande parte da cidadanía, que convive diariamente con estas especies foráneas e que moitas veces axuda de xeito inintencionado á súa dispersión.
Será un lugar de encontro para diferentes expertas/os no mundo da investigación, da divulgación, do voluntariado e da custodia do territorio en torno a estas especies.
De mañá logo do acto inaugural, haberá unha ponencia marco sobre a percepción social desta problemática ambiental. A seguir nunha mesa redonda, diferentes científicos de universidades galegas e técnicos da Administración falarán da investigación e xestión destas especies.
Pola tarde a primeira mesa redonda versará sobre a divulgación destas especies e a percepción da cidadanía. Para rematar terá lugar unha última mesa de experiencias sobre as actividades de voluntariado ambiental e custodia do territorio na loita contra as bioinvasións.
A xornada é gratuíta e está aberta a todo o público. Para participar é preciso enviar a ficha de inscrición cuberta (abaixo en Descargas) ao correo silvia@adega.gal, ou chamando ao tlf. 981 57 00 99 (en horario de mañá)
- 10:30 Presentación das xornadas
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal