Inicio / Axenda / Educación ambiental / Voluntariado ambiental na illa de Sálvora
Do 05-07-2016 ao 07-07-2016
ADEGA convoca xunto co Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia un campo de voluntariado ambiental que se celebrará os días 5, 6 e 7 de xullo. O lugar escollido para esta nova actuación é a illa de Sálvora no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Esta iniciativa continúa os traballos de eliminación de EEI de 2015 e conta coa colaboración da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.
O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia é un espazo natural cun importante valor para a conservación da biodiversidade, é por iso que é un dos dous Parques coa denominación Marítimo – Terrestre do Estado. Nestes espazo protexido tanto os ecosistemas acuáticos como os terrestres destacan polo seu valor ecolóxico e pola necesidade imperiosa da súa conservación.
As especies exóticas invasoras (EEI) son a segunda causa de extinción de biodiversidade no planeta, porén esta ameaza chega a ser a principal causante da perda de especies nas illas. Nestes ecosistemas tan singulares a introdución de EEI, é moito máis daniña, e por tanto máis importante a súa eliminación e control. O Parque Nacional galego posúe lamentablemente diversas especies invasoras tanto de flora como de fauna, que levaron a desenvolver ao longo dos anos programas e investigacións centradas no seu control. Unha parte destes programas é a centrada na divulgación da problemática entre a cidadanía, e a creación de espazos de participación como é o voluntariado ambiental.
ADEGA conta cunha ampla traxectoria na xestión de voluntariado en toda Galiza, especialmente no traballo con especies exóticas invasoras, é por iso que organiza un campo de tres días para traballos voluntarios na illa de Sálvora.
O campo comezará o martes á tarde co desprazamento ata a illa de Sálvora. Unha vez alí realizarase unha charla formativa sobre o proxecto e as actividades de eliminación de EEI. O mércores están programados os traballos de campo para os cales os participantes se dividirán en varios grupos. O xoves haberá unha posta en común dos traballos realizados. Ademáis haberá actividades complementarias como roteiros pola illa, observación de aves e cetáceos e obradoiros de astronomía e astrofotografía (se o tempo o permite).
A actividade é gratuíta. O voluntariado contará con seguro de accidentes, terá cuberto os gastos da comida e transporte en barco ata a illa. A durmida será no albergue e será preciso levar saco de durmir.
Máis info nos tlfs: 981 57 00 99 ou nos 619 672 038 / 616 238 050
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal