ADEGA

Inicio / Axenda / Educación ambiental / Voluntariado para eliminación de invasoras...

18-06-2016

Voluntariado para eliminación de invasoras na lagoa de Louro

ADEGA convoca unha actividade de voluntariado ambiental que se celebrará o sábado 18 de xuño. A xornada realizarase nun lugar de importante valor ecolóxico como é a Lagoa de Louro (Muros) que forman parte do LIC Monte e Lagoa de Louro. ADEGA asinou en 2016 un convenio de coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza para desenvolver un programa de educación, divulgación e voluntariado ambiental que contempla actuacións centradas na conservación de especies e hábitats na xeografía galega e na loita contra as especies exóticas invasoras.
A introdución de especies exóticas invasoras é, despois da destrución de hábitats, a ameaza máis importante na perda de biodiversidade e unha das principais causas de extinción de especies autóctonas. ADEGA leva anos traballando nesta temática, é por iso que unha vez máis organiza esta xornada dando á cidadanía a oportunidade de actuar con iniciativas de custodia no litoral.

A actuación enmárcase nun programa de educación, divulgación e voluntariado ambiental para a conservación de especies e hábitats, que conta co apoio da Dirección Xeral de Conservación da Natureza. A actividade do 18 de xuño estará centrada na eliminación de especies invasoras como a cana (Arundo donax), a chumbeira (Opuntia sp.), o garrapatón (Bidens frondosa), a coniza (Conyza canadensis), o senecio (Senecio elegans) ou a margarida africana (Arctotheca calendula) entre outras.
Con esta iniciativa dase continuidade ás accións iniciadas en 2015 coa eliminación nas dunas e lagoa de Louro. Pódese consultar a crónica do pasado ano nas ligazóns que aparecen abaixo.
Para esta actividade o voluntariado contará con seguro de responsabilidade civil e de accidentes. A xornada comezará o sábado pola mañá. Tras a recepción do voluntariado e dunha pequena introdución á problemática ambiental das invasoras, comezarán os traballos de campo, para os que o voluntariado contará coa ferramenta apropiada. Haberá un descanso para a comida (gratuíta para os participantes) e unha segunda sesión de traballo durante a tarde. O voluntariado poderá coñecer este magnífico espazo natural e axudar á súa conservación.

As prazas son limitadas polo que é preciso inscribirse enviando a ficha de inscrición (abaixo en descargas)

Correo: ramses@adega.gal Tlfnos: 981 57 00 99 / 619 672 038

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal