ADEGA

Inicio / Axenda / Outras actividades / Marcha contra Celulosas

20-06-2015

Marcha contra Celulosas

A RÍA É NOSA E NON DA CELULOSA!

Logo de 50 anos de destrución e desarranxo ambiental, ENCE ofrécenos o paraíso a cambio da permanencia en Lourizán máis alá do 2018; milleiros de postos de traballo, eliminación de cheiros e molestias, devolución da auga roubada ao Lérez, pago dos impostos en Pontevedra, fin da contaminación da Ría, creación de riqueza e benestar... Pero xa é demasiado tarde e xa ninguén na comarca cre as mentiras dos directivos da fábrica de pasta de papel. Quen vai crer nestas promesas cando levan facendo todo o contrario ao longo da súa historia na Ría? Porque non o fixeron ata agora? Simplemente porque non o van facer nunca!

Se pensas que:

- Xa abonda de contaminar a Ría e o ar.
- Os seus pestilentes cheiros e fumes teñen que abandonar as nosas vidas.
- Impiden o saneamento da Ría e destrúen os recursos marisqueiros.
- Hai que recuperar o banco de Os Praceres e as praias urbanas de Pontevedra.
- Hai que protexer a illa de Tambo, o monte e o rural da comarca.
- Coa saúde das persoas e co medio ambiente non se negocia.
- Hai que rematar coa eucaliptización da Galiza e a proliferación de incendios.
- É un delito fumigar Galiza con produtos tóxicos.
- Destrúen o emprego no marisqueo, a pesca, o monte e o turismo.
- Son un freo para a creación de emprego na comarca.
- A Ría é unha fonte de riqueza, deporte e novas oportunidades

Tes razóns abondo para ir á MARCHA CONTRA CELULOSAS

ADEGA participará na marcha

Coma todos os anos, ADEGA participará na marcha contra a celulosa comvocada polos compañeiros e compañeiras da APDR.

Convocámosvos a acudir para o que vos citamos na Alameda de Pontevedra o sábado 20 pola tarde. Para partillar auto dende Compostela chamade ao local nacional (981570099).

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal